O Concello de Lugo abre o plazo para solicitar cita previa na Oficina de Información do PXOM

Venres, 30 de xaneiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Delegada de Urbanismo, María Novo recordou hoxe que dende o vindeiro luns 2 de febreiro poderase solicitar cita previa para ser atendido na Oficina de Información do Plan Xeral a través do teléfono de atención cidadá do Concello 010 ou do 982 297 350 se chaman fóra de Lugo.

A Oficina de atención do Plan estará aberta a partir do día 25 de febreiro de luns a venres en horario de 9:00 ás 13:30 horas. A Delegada explicou que “inicialmente estará aberto polo prazo dun mes e, en función da demanda polo tempo que sexa necesario para aclarar todas as dúbidas que a cidadanía teña en relación co plan”. Novo incidiu sobre a necesidade de solicitar cita previa xa que “cada persoa vai ter o tempo necesario e aos técnicos municipais que xestionaron o plan á súa disposición para aclararlle todas as dúbidas que poida ter”.

Todas as persoas que se acheguen ata a oficina poderán consultar o documento provisional do Plan dilixenciado polo secretario, cos informes dos técnicos municipais, as modificacións, a normativa, os planos; en definitiva, “o documento oficial”. O obxectivo do Goberno Local é “dar unha información correcta, completa e persoalizada á cidadanía, garantindo a veracidade de todo o que se explica”.

A Delegada explicou que neste momento o documento aprobado polo Pleno está sendo dilixenciado polo Secretario do Concello para poder envialo ás Consellerías de Medio Ambiente e de Política Territorial, Obras Públicas e Tranportes, esta última é a encargada de aprobalo definitivamente.

Oficina de Información do PXOM:
- Abrirá o 25 de febreiro no Uxío Novoneira
- De luns a venres en horario de mañá: 9:00 a 13:30 horas
- Imprescindible solicitar cita previa a través do 010 (se chama dende fóra de Lugo no 982 297 350)
- O servizo de atención facilitará un día e hora para cada persoa.

Multimedia

Noticias relacionadas