O Concello dá aos mozos novas alternativas gratuítas para ocupar o seu tempo de lecer

Trátase de actividades que versan sobre estilos urbanos, que terán lugar os días 23 e 28 de xullo na Praza do Castiñeiro e en Agro do Rolo, e dunha xornada de paint-ball, o sábado 30 na Casa da Xuventude, para a que é necesaria inscrición

Mércores, 13 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello dá aos mozos novas alternativas gratuítas para ocupar o seu tempo de lecer

O Concello dá aos mozos e mozas de entre 14 e 30 anos novas alternativas gratuítas para ocupar o seu tempo de lecer no mes de xullo, enmarcadas no programa +Xtí de prevención do consumo de drogas. En concreto trátase de actividades que versan sobre estilos urbanos, como breakdance, beatbox, personalización de gorras, turntablism Dj, BMX, Skateboard, Graffity e Skatepark Móbil, que se poderán practicar o sábado 23 de xullo e xoves 28 de xullo, na Praza do Castiñeiro e na Praza Agro do Rolo, respectivamente. O horario será en ambos casos de 17:00 a 21:00 horas. A participación nestas actividades de rúa é aberta.

Ademais destes obradoiros, o 30 de xullo na Casa da Xuventude, a mocidade luguesa poderá participar nunha xornada de paint-ball, unha actividade enmarcada tamén no programa +Xtí. Esta actividade terá lugar de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas en quendas por grupos de dous equipos de cinco xogadores. Os interesados teñen que inscribirse previamente na Casa da Xuventude.

Estas alternativas súmanse a outras que a entidade local ofrece tanto ao longo do curso como en épocas estivais para que os mozos empreguen o seu tempo de lecer en aprender novas habilidades, tanto deportivas como sociais. A día de hoxe, o Concello ten en marcha un curso de iniciación á fotografía e outro de creación audiovisual, obradoiros de cociña, talleres de iniciación á equitación e deportes na rúa.

Multimedia

  • O Concello dá aos mozos novas alternativas gratuítas para ocupar o seu tempo de lecer

Noticias relacionadas