O Concello cumpre cos veciños da Milagrosa preparando a candidatura para que o barrio reciba axudas á rehabilitación

Evislusa redacta os pregos para contratar a elaboración da preceptiva memoria explicativa, un dos primeiros pasos para acadar a declaración de Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU)

A empresa municipal de vivenda e solo realizará un proxecto para dotar de beirarrúas que garantan o paso seguro e fluído dos peóns á rúa Virxe da Soidade, nas Gándaras, que acumula tráfico de transporte escolar e urbano

Xoves, 30 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello cumpre cos veciños da Milagrosa preparando a candidatura para que o barrio reciba axudas á rehabilitación

O Consello de Administración de Evislusa, reunido na mañá deste xoves no Salón de Comisións baixo a presidencia da Alcaldesa, Lara Méndez, deu conta do inicio dos trámites para presentar ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo a proposta de creación dunha Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) no barrio da Milagrosa. O Concello cumpre desta forma co “compromiso adquirido cos veciños da zona”, de preparar a candidatura para concorrer a axudas de rehabilitación, subliñou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro. Deste xeito, Evislusa está a redactar xa o prego para contratar a redacción da preceptiva memoria explicativa, un dos primeiros pasos para acadar a declaración de ARRU.

A memoria deberá recoller os seguintes aspectos: os obxectivos que se pretenden coa declaración proposta e indicadores de seguimento que permitirán analizalos; a relación das rúas comprendidas dentro do ámbito de actuación, así como o número total de edificios e vivendas existentes en total e as susceptibles de rehabilitación; un análise do proceso de degradación física, social e ambiental que clarifique a necesidade da declaración de área de rehabilitación, tales como o envellecemento demográfico, perda de poboación, abandono de actividades económicas ou baixo nivel de ingresos das persoas residentes; unha avaliación do nivel de deterioro dos edificios e vivendas; proposta de actuacións de urbanización para impulsar a rexeneración do ámbito e avaliación dos seus custos; de ser o caso, plan de realoxamento temporal, a súa programación e custo económico; e planos xeorreferenciados coa delimitación da área de rehabilitación integral solicitada.

A elaboración da candidatura da ARRU do barrio da Milagrosa está contemplada no Orzamento 2016 de Evislusa, dentro do programa anual de actuación, investimentos e financiamento da entidade.

Mellora da seguridade en Virxe da Soidade
Por outra banda, no Consello de Administración de Evislusa desta mañá aprobouse unha encomenda de xestión á empresa municipal para a redacción dun proxecto de urbanización parcial da Rúa Virxe da Soidade, nas Gándaras. As actuacións consistirán, entre outras, en dotar de beirarrúas á vía para garantir o paso peonil seguro e fluído, evitando que os viandantes sigan pasando como na actualidade pola calzada, o que en determinados momentos provoca situacións de perigo dada a acumulación de vehículos de transporte escolar, pois nesta rúa ubícase o CEIP As Gándaras, e tamén de buses urbanos.

Na sesión desta mañá, o Consello de Evislusa aprobou nomear como secretaria da entidade á vicesecretaria municipal, María García Ferro, ademais de modificar os estatutos para adaptar á normativa vixente o artigo 37, relativo ás condicións de disolución, e habilitar á persoa que ocupa na actualidade o cargo de director xerente da empresa para a realización puntual de labores de arquitecto.

Audio

  • Daniel Piñeiro, Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal | Descargar MP3

Noticias relacionadas