O Concello creará un sistema de hortos urbanos municipais no Parque dos Paxariños, dotado de 33 parcelas, 3.000 m2 e zonas comúns

Daniel Piñeiro presentou este proxecto, centrado na produción ecolóxica, que suporá unha inversión de 60.000 euros

A entidade local tentará proporcionar a cada usuario unha superficie mínima de 30 m2 e estarán destinados, principalmente, a persoas desempregas, en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos

Mércores, 21 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello creará un sistema de hortos urbanos municipais no Parque dos Paxariños, dotado de 33 parcelas, 3.000 m2 e zonas comúns

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciou este mércores a creación dun sistema de hortos urbanos municipais no Parque dos Paxariños, dotado de 33 parcelas, 3.000 m2 e zonas comúns. Tal e como deu a coñecer o propio edil, trátase duns hortos con función de autoconsumo, para contribuír a favorcer os hábitos saudables, centrados na produción ecolóxica, e, que se situarán na ladeira entre a Ronda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, a carón do barrio de Xuíz.

A actuación engloba a 3.000 m2, dos que se empregarían para cultivo 1.085 m2, cunha zona de entrada, con espazo para aparcadoiro de vehículos e unha caseta de madeira, de acordo co entorno, para apeiros e material. Estará formado por 33 hortos, con pantallas vexetais para separalos e diferencialos dos viais. Ademais, terá fontes de rega, adaptadas ao entorno, e mesas e bancos de uso público. “Trátase, pois, de humanizar, darlle vida e acondicionar unha zona deste parque”, asegurou o edil, quen afirmou que dito sistema de hortos urbanos suporá unha inversión de 60.000 euros. Entronca ademais coa aposta do Goberno de traballar a prol dunha contorna sostible, na que a realidade urbana e a rural convivan en harmonía.  

Daniel Piñeiro tamén avanzou que o Goberno traballa na elaboración dunha ordenanza para o uso destes hortos, nos que se contemplará tanto o seu regulmento como as condicións que rexerán na súa utilización, dende non empregar ningún produto químico de síntese ata non utilizar materais que non sexan respetuosos co entorno. O Concello tentará proporcionar a cada usuario unha superficie mínima de 30 m2 e estarán destinados, principalmente, a persoas desempregas, en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos.

As obras para dito proxecto, o deseño e o axardinamento, terán un prazo  aproximado de 3 meses, e despois procederase ao sorteo de cada horto.

Máis info

  • Plano dos Hortos Urbanos Municipais no Parque Paxariños de Lugo | Descargar pdf

Noticias relacionadas