O Concello coordina os servizos municipais para que o Arde Lvcvs sexa de novo un éxito

A Alcaldesa e a Concelleira de Cultura presidiron unha reunión técnica de traballo na que participou persoal de Xuventude, Cultura, Servizos Electromecánicos, Enxeñería, Policía, Gabinete de Tráfico e Protección Civil

Martes, 24 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presidiron este martes unha reunión técnica de traballo de carácter transversal encamiñada a coordinar os distintos servizos municipais en materia de organización e seguridade para que o Arde Lvcvs sexa de novo este ano un éxito. Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias da Policía Local, participou persoal das áreas de Xuventude, Cultura, Servizos Electromecánicos, Enxeñería, Policía, Gabinete de Tráfico e Protección Civil.

Deste xeito, os preparativos da gran festa de recreación histórica de Lugo aceléranse para chegar coa maquinaria a punto ao 16 de xuño, cando arranca a nova edición, que se prolongará ata o día 19. Serán catro intensos días de actividade permanente por toda a cidade, en distintas localizacións e escenarios, que concentrarán a miles de persoas en Lugo, o que fai preciso a máxima coordinación e implicación de distintos servizos do Concello.

A materia de seguridade tratarase especificamente como todos os anos nunha Xunta Local de Seguridade que xa está convocada para o vindeiro día 9 de xuño, na que as distintas forzas e corpos de seguridade coordinarán dispositivos e efectivos para garantir o normal desenvolvemento do multitudinario Arde Lvcvs.

Noticias relacionadas