O Concello convocará 36 prazas de persoal funcionario e laboral

A Mesa Xeral de Negociación aprobou a oferta pública de emprego 2015, que recibirá luz verde na Xunta de Goberno do día 23. O Goberno pretende sacar adiante a oferta de 2016 no primeiro trimestre do ano

Martes, 15 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Lugo, composta por Goberno e sindicatos, aprobou nunha reunión celebrada na mañá deste martes a convocatoria de 36 prazas de persoal funcionario e laboral, correspondentes á oferta pública de emprego 2015. Nela inclúense prazas cubertas interinamente, as cubertas por traballadores en execución de sentenza, as vacantes na Policía Local procedentes das xubilacións do ano 2014 e as de promoción interna, segundo explicou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.

Unha vez aprobada na Mesa de Negociación, a oferta de emprego recibirá luz verde na Xunta de Goberno do vindeiro mércores 23 de decembro para seguidamente poñerse en marcha os procesos selectivos para cada posto.
Das 36 prazas a convocar, 32 son de persoal funcionario (entre elas, 6 de bombeiro/a e dúas de Policía) e 4, de persoal laboral.

Prazas de persoal funcionario

  • 2 de técnico de Administración Especial, unha libre en execución de sentenza e outra de quenda libre
  • Unha de enxeñeiro técnico agrícola, en quenda de promoción interna
  • Unha de axente de emprego e desenvolvemento local, quenda libre, en execución de sentenza
  • Unha de enxeñeiro de camiños, canais e portos, quenda de promoción interna
  • Unha de técnico medio da área económica, consolidación de emprego temporal
  • 2 de educador social, quenda libre, en execución de sentenza
  • Unha de técnico medio de xestión, promoción interna
  • Unha de técnico en xardín de infancia, quenda libre
  • 6 de administrativo, quenda de promoción interna
  • Unha de delineante, quenda libre
  • 2 de Policía Local, quenda de mobilidade
  • Unha de oficial lector de contadores, quenda libre, reservada a discapacitados
  • 3 de auxiliar administrativo, quenda libre
  • 6 de bombeiro/condutor, quenda libre
  • Unha de oficial sepultureiro, quenda de promoción interna
  • Unha de axudante de cociña-limpeza, quenda libre, reservada a discapacidade intelectual
  • Unha de celador de colexio, quenda libre, reservada a discapacitados

Prazas de persoal laboral 

  • Unha de oficial albanel, quenda libre
  • Unha de auxiliar do fogar, quenda de consolidación de emprego temporal
  • Dúas de peón, quenda de consolidación de emprego temporal

A de 2016, no primeiro trimestre

O Concelleiro de Persoal adiantou que o Goberno xa está traballando na elaboración da oferta pública de emprego do 2016 co fin de aprobala ao longo do primeiro trimestre do ano.

Noticias relacionadas