O Concello convoca subvencións do Plan Urban por importe de 586.000 euros

Martes, 05 de abril de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tamén haberá axudas para remodelación de patios e peches de negocios con traseira á Muralla, para ventás arqueolóxicas e para as banderolas das farmacias do casco histórico

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, anunciou hoxe que xa se poden solicitar as subvencións a empresas do Casco histórico do Plan Urban, cofinanciado pola Unión Europea. Este ano as subvencións do Plan Urban teñen un importe total de 586.000 euros, dos que máis de 500.000 euros adicaranse á creación de novas empresas e a mellora de locais de negocio.

Desque se puxeron en marcha as axudas para mellora de locais de negocio, no ano 2009, foron concedidas 85 axudas por importe de 136.000 euros e no caso das axudas para creación de novas empresas, creadas a finais de 2010, obtiveron resolución favorable outras 6 empresas por un importe de 58.000 euros.

A convocatoria deste ano consta de dúas liñas de axudas para novas actividades económicas e para mellorar a imaxe do Centro histórico coa mellora de fachadas, terrazas e rótulos.

No primeiro dos casos a subvención é para actividades creadas por pemes co requisito de que xeneren postos de traballo e se contraten traballadores que estean no paro desde o 30 de decembro de 2010. Terán prioridade á hora de acadar as axudas as que se instalen na praza de Abastos e as que saian dos tres viveiros de empresas existentes en Lugo. Os postos de traballo deben ter unha duración mínima dun ano e poden ser tanto para traballadores por conta allea como socios-traballadores. As subvencións poden adicarse á compra de maquinaria, mobiliario, equipos informáticos, tamén á compra ou rehabilitación dun local, de terreos ou ó pago de licenza de obras e outras taxas. Neste caso cada empresa poderá recibir un máximo de 40.000 euros. Para as pequenas empresas a axuda pode ser do 50% do custe e no das medianas o tope será do 40%.

A segunda liña de subvencións inclúe axudas de ata 25.000 euros. Tamén neste caso o importe pode chegar ó 50% do investimento no caso das pequenas empresas e do 40% nas medianas.Ademais do cambio do mobiliario das terrazas, principalmente con mobiliario feito en madeira, tamén se subvenciona a fondo perdido a instalación de toldos en rúas peonís e este ano, ademais, hai tres novidades: concederanse subvencións para que as banderolas das farmacias para se adapten ó PEPRI, nas axudas para remodelación de fachadas tamén se inclúen subvencións para adecentar patios e peches de negocios cuxa traseira dea á Muralla, e as ventás arqueolóxicas, tanto novas como xa existentes, que estean situadas en negocios co requisito de que se permita o acceso ó público para contemplar eses restos arqueolóxicos.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia

Noticias relacionadas