O Concello convoca probas para elaborar unha lista de contratación temporal de sepultureiro

O prazo de presentación de instancias, que se realizará no Rexistro Xeral do Concello, será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación no BOP

A entidade local prorroga o contrato de mantemento, mellora e conservación das zonas verdes públicas e arboredo viario da cidade ata marzo de 2017, por un importe de 677.400 euros con cargo ao vixente orzamento

Mércores, 13 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local deste mércores aprobou as bases que teñen por obxecto rexer a convocatoria do proceso selectivo co fin de elaborar unha lista para a cobertura temporal de prazas de oficial sepultureiro. Así o deu a coñecer na rolda de prensa posterior o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que o prazo de presentación de instancias, que se realizarán no Rexistro Xeral do Concello, será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación no BOP. As instancias deberán ir acompañadas de fotocopias compulsadas do DNI e da titulación esixida, así como de canta documentación poida serlle puntuada neste proceso ao interesado.

Segundo indicou Fernández, o sistema de selección consistirá en dúas fases, a de oposición, cunha proba teórica e outra práctica, así como nun baremo de méritos de experiencia profesional, titulación, formación, inscrición como demandante de emprego e coñecemento do galego.

Prórroga do mantemento das zonas verdes
Entre outros asuntos, na sesión deste mércores a Xunta de Goberno acordou prorrogar o contrato entre o Concello e Calfensa Proyectos S.L. para o mantemento, mellora e conservación das zonas verdes públicas e arboredo viario da cidade de Lugo, dende o 18 de marzo do 2016 ata o 17 de marzo de 2017, por 677.400 euros con cargo ao vixente Orzamento Municipal.

Audio

Noticias relacionadas