O Concello convoca o 15º Certame de Pintura Rápida ó Aire Libre “Cidade de Lugo”

Este ano mantense o abano de lugares que poden pintar os artistas: o Casco histórico e a Muralla, o MIHL, a Ponte vella, o Paseo do Miño ou a Pasarela peonil

Celebrarase o 12 de xullo e repartiranse máis de 4.600 euros en premios

Venres, 12 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, informa que o domingo 12 de xullo celébrase a decimoquinta edición do Certame de Pintura rápida ó aire libre "Cidade de Lugo".

Como o ano pasado a temática non ten que ser obrigatoriamente unha estampa do Casco histórico de Lugo, xa que este ano o espazo físico que deben pintar os participantes poden ser, tamén, outros lugares como as proximidades do MIHL, no parque da Milagrosa, a Ponte vella, os xardíns do Paseo do Miño ou a Pasarela peonil.

Neste certame poden participar todos os artistas que o desexen cunha única obra que non poderán asinar ata o momento non que se coñeza o ditame do xurado. As bases establecen que o estilo e a técnica serán libres e a temática xirará en torno á cidade de Lugo. As inscricións faranse ese mesmo día na Concellería de Cultura e as obras deberán estar terminadas ás cinco da tarde.

O fallo do xurado coñecerase ás seis da tarde. A partir dese momento os autores dos cadros non premiados poderán poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. Esta exposición ó aire libre prolongarase ata as 20 horas.

O importe total dos distintos premios que se entregarán é de 4.650 euros distribuídos deste xeito: un 1º premio dotado con 1.500 euros, o 2º con 1.000 e o 3º con 800. Establécese, ademais, un premio especial, de 450 euros, ó artista local, nacido ou residente en Lugo, que non será compatible coa obtención de outro galardón e tamén se concederán seis accesit por importe de 300 euros. O xurado que avalíe as obras estará composto por profesionais das artes plásticas.

As obras participantes neste Certame serán expostas no Concello do 13 ó 17 de xullo. Os cadros premiados pasarán a ser propiedade do Concello de Lugo.

Noticias relacionadas