O Concello contratou só no que vai de ano 1M€ en obras de mellora de servizos e infraestruturas

A instalación do ascensor no Sagrado Corazón, a pavimentación da rúa Pedáneo Xohán Diego, Camiño de Barreiro, San Fiz e de viais en Castelo, a reordenación da intersección entre Mar Cantábrico, Santo Graal e Poeta Manuel María e dúas liñas do Plan Mellora para o mantemento de construcións rurais e instalacións eléctricas están listas para o seu inicio

Mércores, 16 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou este mércores de que na primeira quincena do ano, en tan só 10 días naturais, o Concello contratou obras de dotación e mellora de infraestruturas que “repercutirán beneficiosamente no día a día dos veciños e veciñas por valor de preto de 1M€, un dato que demostra a capacidade de xestión deste Goberno”.

As actuacións contratadas, cuxo inicio polo tanto é inminente, son a instalación dun ascensor no barrio do Sagrado Corazón e humanización do entorno, por 240.000€; a pavimentación da rúa Pedáneo Xohán Diego, na parte que falta ata a rúa Fisterra, por  138.000€; a reordenación cunha rotonda da intersección entre as rúas Mar Cantábrico, Santo Graal e Poeta Manuel María, na Piringalla, por 90.200€; a pavimentación e renovación do abastecemento en Camiño de Barreiro e San Fiz, por 70.000€; e a pavimentación de viais no núcleo de Castelo, por 48.500€, e dúas liñas do Plan Mellora Lugo, en concreto par ao mantemento de construcións rurais singulares e patrimonais, e de instalacións deportivas, por importe de 165.000€.

Estas actuacións, subliñou o Concelleiro, contribúen “a mellorar a mobilidade, peza central no modelo de cidade deste Goberno, no que traballamos por unha cidade máis cómoda, amable, accesible, verde e sostible”.

Audio

Noticias relacionadas