O Concello continúa coa súa campaña de difusión dos perigos do alcohol entre a mocidade lucense

Venres, 19 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo, realizará unha nova intervención no botellón do Parque de Rosalía de Castro entre as 12 da noite e as 3 da madrugada de mañá sábado 20 de xuño.

A intervención consiste na ubicación dunha mesa informativa no parque, lugar que se converteu nos últimos anos no espazo elixido polos mozos de Lugo para facer botellón. Os monitores da actividade conversan cos rapaces e infórmanlles das repercusións e dos efectos negativos do consumo excesivo de alcohol. Ademais trátase de que sexan conscientes das súas responsabilidades e das consecuencias máis inmediatas: o perigo que ten mesturar alcohol e condución, o ruído que producen e molesta ós veciños da zona ou o estado de suciedade no que queda o parque despois do botellón.

Esta é a terceira intervención que se realiza nesta zona de concentración dos mozos da cidade nas noites de fin de semana, e que nesta ocasión coincide coa celebración das festas de fin de curso. Nas anteriores intervencións, a iniciativa enmarcada dentro do Proxecto Creative, tivo moi boa acollida entre os rapaces. Foron moitos os que se achegaron á mesa informativa para concienciarse do risco que supón o consumo excesivo de determinadas substancias dañinas.

O Servizo Municipal levará a cabo, ademais, esta fin de semana campaña de información de alcoholemia e condución a través dos dípticos que se repartirán nos retrovisores dos coches aparcados nas zonas de marcha, así como a distribución de bolsas para recoller os desperdicios no botellón, etc... tanto a noite do venres como a do sábado.

Noticias relacionadas