O CONCELLO CONSIGUE SUBVENCIÓN POR IMPORTE DE 240.000 EUROS DO GOBERNO

Mércores, 30 de xuño de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno concedeulle catro subvencións ó Concello de Lugo por importe de 240.000 euros, segundo informou hoxe o Alcalde, José López Orozco.

Tres das subvencións proceden do Ministerio de Cultura que aprobou unha subvención de 90.000 euros para as obras de construción do Museo Interactivo da Historia de Lugo; outros 75.000 para a publicación do libro “Lucus Augusti mirada desde Lugo10”, e 30.000 euros máis para dous obradoiros adicados á Muralla que se farán nos Centros de Convivencia. Trátase do Taller da Memoria e a Aula creativa Lugo10. No primeiro deles participarán maiores e servirá para recoller o testimonio das súas lembranzas sobre a Muralla en tanto que o segundo adicarase á xeneración máis nova e pretende que os nenos se familiaricen co monumento e o que éste significa para a cidade.

O libro “Lucus Augusti mirada desde Lugo10” será a primeira historia novelada da cidade. Vanse editar tres mil exemplares e presentarase en galego, castelán e inglés.

A cuarta subvención, que ascende a 45.000 euros, concedeuna a Dirección xeral de Infraestruturas Deportivas pertencente ó Consello Superior de Deportes e vai ser para facer as gradas do estadio López Gorgoso, en Frigsa, e permitirá “cumprir unha vella aspiración e poder rematar ben o estadio”, segundo dixo o Alcalde. Os cartos da subvención que recibirá Lugo proceden do 1% da recadación das quinielas.

O Alcalde informou destas subvencións que lle dá o Goberno ó Concello de Lugo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polas concelleiras de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e de Cultura, Nuria Mundiña.

López Orozco expresou a súa satisfacción porque “estes cartos axudarannos a ter instalacións deportivas en mellores condicións, a facer que progrese a obra do MIHL e a que o programa Lugo10 dispoña de máis cartos que se suman ós que poñen os patrocinadores para financiar os actos de promoción da Muralla e o décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial”.

Ademais, o Alcalde informou de que Lugo10 editou 60.000 exemplares en galego, castelán e inglés da Pequena Guía de Lugo e outros 5.000 folletos nos tres idiomas baixo o título “Lugo merece un 10” para contribuír á promoción da cidade.

www.lugo10.es

 

Multimedia

Noticias relacionadas