O Concello consegue unha nova fase para o impulso á rehabilitación do casco histórico por un investimento de 900.000€

Xoves, 25 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, anunciou que o Concello vén de conseguir unha nova fase para o impulso da Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) do casco histórico por un investimento total de 900.000€. A rexedora asinará mañá en Santiago un novo convenio de colaboración entre a entidade local, o Ministerio de Fomento e a Xunta para sacar adiante a 15ª fase da ARRU, que permitirá obras de rehabilitación en 20 vivendas máis da zona vella da cidade. Deste xeito, avanza a dinamización e posta en valor desta zona, un dos obxectivos centrais no modelo de cidade do Goberno local, que de cara a este fin vén de impulsar un viveiro de empresas a pé de rúa no barrio da Tinería e tamén traballa nun novo modelo de acceso e mobilidade no casco histórico.

Do total do investimento de 900.000€, o Ministerio de Fomento achegará 187.584,45€, a Xunta, 90.000€ e o Concello de 56.000€, mentres que a parte restante correrá a cargo dos beneficiarios das axudas.

Dende a declaración da área de rehabilitación, hai 18 anos, realizáronse actuacións de mellora en máis de 600 vivendas do centro histórico, cun investimento duns catro millóns de euros, a maioría delas consistentes no cambio de cubertas, galerías e ventás, así como en reformas interiores para mellorar a accesibilidade e a comodidade das vivendas. A día de hoxe, está en execución a prórroga da 14ª fase da ARRU, cunha vintena de proxectos en marcha.

Noticias relacionadas