O Concello conmemora a proclamación da II República

Venres, 14 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo conmemorou este venres, 14 de abril, a proclamación da II República Española, hai 86 anos, cunha ofrenda floral e a lectura dun manifesto na Praza da Soidade, en fronte ao monolito que rende homenaxe á República. Aos actos asistiron varios membros da Corporación municipal, presidida pola Alcaldesa, Lara Méndez, ademais da Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. O encargado de ler o manifesto conmemorativo foi o voceiro de ACE, Carlos Portomeñe:

O 14 de abril non é só unha efemérede. Non. Hai datas que se erguen, debido á súa transcendencia, por riba do número que marca a celebración do calendario. Datas que son algo máis ca un motivo para a nostalxia evocadora. Algo máis ca unha convocatoria, bandeira en man, ao pé dunha lápida ou placa conmemorativa.

A Segunda República non pode morrer na reclusión dunha memoria pétrea e sacralizada. A rememoración debe significar o recoñecemento da vixencia dos seus valores e experiencias. Recoñecermos mesmo os erros e aprender deles. A rememoración da Segunda República significa re-vivir, volver a vivir; por iso, a súa memoria, a nosa memoria non pode ser só unha xustificación para o compadecemento. Non. A historia constrúese e debe ofrecer esperanza e futuro. Por iso a República vai máis aló do ano 1931. Vai máis aló daquel fatídico verán de 1939 e irá máis aló deste 14 de abril de 2017.

A defensa da República precisa de moita valentía. Si, de valentía, para non morrer no caixón do esquecemento, na retina da banalización ou, peor aínda, na resignación dos imposibles. Quen ignora, quen silencia, contribúe a derrotar por segunda vez ás persoas que aínda viven e son portavoces dos valores republicanos e que seguen exercendo a súa loita nos movementos de contestación en contra dun sistema que non os representa. Ao silenciar deixan sen o recoñecemento e a debida xustiza ás persoas que morreron asasinadas pola ditadura franquista, que defenderon coa súa vida a democracia e a xustiza social.

A República tamén debe defenderse con ética e honestidade. A recuperación dos dereitos da maioría social traballadora agredidos, a loita contra a explotación e a desigualdade, a procura da emancipación; deben ser o pasaporte que conforma a identidade de quen vive a res publica coas súas accións cotiás.

Non pode ser que cada 15 de abril volvamos deixar no caixón do silencio a idea da República. E así ata que a liturxia do 14 de abril volva a convocarnos. Non. Vivamos cada día acorde aos valores republicanos. Ante o recorte incesante de dereitos e liberdades, espallar eses valores é máis necesario que nunca. Demos exemplo político de que a República segue viva e de que é a forma máis auténtica de democracia. A República quere saír das pedras e vivir na acción política diaria. Desde o convencemento de que é posible, e imprescindible, traballemos pola Terceira República.

Noticias relacionadas