O Concello concedeu preto de 1.800 licenzas de obra nos últimos dous anos

Das licenzas concedidas ao longo do pasado ano no municipio, 1.131 corresponderon a proxectos de obra menor e 662 foron licenzas de obra maior. Ademais, foron declaradas eficaces 3.015 comunicacións entre 2015 e 2016

Luns, 06 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo concedeu preto de 1.800 licenzas de obra ao longo dos últimos dous anos, uns datos que, para o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, amosan un comportamento positivo no sector da construcción, o que contribúe á dinamización do emprego na cidade e do municipio.

Tal e como avanzou o edil, das 1.793 licenzas de obra concedidas nos últimos 24 meses, 1.131 corresponderon a proxectos de obra menor e 662 foron licenzas de obra maior. Ademais, foron declaradas eficaces 3.015 comunicacións entre 2015 e 2016.

No que respecta ao sector inmobiliario, no pasado ano, destacan as licenzas concedidas para un edifico na Avenida Infanta Elena, por 1,2 millóns de euros, edificación de vivendas en Bolaño Rivadeneria, cun presuposto de 907.300 euros, na rúa Xacinto Calvo, por 546.000 euros, en Lamas de Prado, por 229.600 euros, e na rúa San Froilán, un edificio para oficinas, por uns 220.000 euros. Ademais, concedeuse licenza para a rehabilitación do CEIP Rosalía de Castro, cun orzamento de 349.000 euros, e para un edificio para centro de biotecnoloxía na rúa María Barbeito, nas Gándaras, de 697.900 euros.

Por outra banda, no que se refire á construción de naves, cómpre salientar as licenzas outorgadas para cebadeiro de porcino, en San Mamede, por 348.900 euros, para almacén, envasado e distribución de cales e carbonatos agrícolas, na rúa Cruz Gallastegui Unamundo, por 253.000 euros; unha nave para almacén de materiais de fontanería, calefacción e ferretería así como outra para a exposición e venda destes materiais, por 342.800 euros, ou diferentes naves industrial sen uso definido de dúas prantas por 455.740, 228.000 ou 172.400 euros, respectivamente. Ademais, concedeuse licenza para a reforma dunha nave-taller na rúa Costureiras (256.300 euros) e para a construcción dun taller en María Barbeito (230.000 euros).

Audio

Noticias relacionadas