O Concello completa a substitución das placas con nome franquista acordada en pleno

As rúas General Tella, Cedrón del Valle, Irmáns Pedrosa e Carlos Azcárraga locen dende hoxe os nomes de Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Xaquín Lorenzo e Adolfo Suárez, respectivamente

Xoves, 07 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de completar a substitución das placas con nomenclatura franquista. Así, este venres cambiáronse as placas das rúas General Tella, Cedrón del Valle, Irmáns Pedrosa e Carlos Azcárraga, que locen dende hoxe como Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Xaquín Lorenzo e Adolfo Suárez, respectivamente. Este cambio súmase aos acometidos nas últimas semanas, polos que se renomearon as rúas Teniente Coronel Teijeiro e Ruíz de Alda, así como a praza Comandante Manso, por Lois Peña Novo, Luis Cordeiro e praza Mártires de Carral. Trátase duns cambios que responden a un acordo plenario de maio do pasado ano, onde se decidiu renomear as sete rúas afectadas pola Lei de Memoria Histórica.

A adxudicación da subministración das placas fíxose no pasado mes de febreiro a través dun contrato menor por un importe de 6.800 euros, que irán destinados a colocar un total de 18 novas placas de parede e 40 con poste. A empresa adxudicataria proporciona o material e a brigada de obras do Concello colócaas.

Noticias relacionadas