O Concello completa a devolución da paga extra do 2012

Os empregados recibirán o 50% pendente neste mes de xuño, unha medida que aprobará este mércores a Xunta de Goberno

Luns, 13 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os traballadores do Concello de Lugo recuperarán neste mes de xuño a totalidade da paga extraordinaria de 2012 que o Goberno central decidira retirarlles. Así o anunciou este luns o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen, en cumprimento do acordado xa na Mesa Xeral de Negociación e en reunións cos sindicatos, avanzou que o inicio do expediente para aboar a última parte da extra que quedaba pendente, o 50% do total, será aprobado na Xunta de Goberno deste mércores, co que os empregados recibirán o importe este mes. A contía total a aboar aos máis de 700 traballadores municipais é de 581.771,54 euros, correspondentes a 91 días.

Deste xeito, complétanse os pagos efectuados nos meses de xaneiro e novembro de 2015, correspondentes cada un deles ao redor dun 25% da extra (44 días no primeiro caso, por un importe de 281.296,31€, e 48 días no segundo, por 306.868,73€).

Con esta medida, o Goberno local cumpre un novo compromiso, neste caso adquirido cos traballadores, cos que “se comprometeu a devolver a parte que restaba da paga extra de 2012 o máis rápido posible en canto tivese aprobado os orzamentos definitivamente. Trátase dun cumprimento máis deste goberno”, recalcou o Concelleiro de Persoal.

Noticias relacionadas