O Concello completa a adquisición dos 10.000 metros cadrados necesarios para a construción dun colexio no Sagrado Corazón

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a expropiación dos 1.269 metros de terreo que restaban

Debido á renuncia da empresa adxudicataria por circunstancias alleas ao Concello, será preciso licitar de novo a instalación do ascensor do Sagrado Corazón, un proceso que se poñerá en marcha canto antes

Mércores, 20 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo completou a adquisición dos 10.000 metros cadrados necesarios para a súa cesión á Xunta de Galicia co fin de que constrúa neles un novo centro de educación infantil e primaria no barrio do Sagrado Corazón. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, este mércores na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que se aprobou a expropiación dos 1.269 metros de terreo que restaban.

O tamén Concelleiro de Deportes e Medio Rural lembrou que o pasado luns a Alcaldesa, Lara Méndez, asinou 6 convenios urbanísticos para a cesión doutras tantas parcelas, que suman 7.100 metros cadrados, quedando pendente a sinatura final da cesión doutro convenio, de 1.660 metros cadrados, que terá lugar nos vindeiros días, en canto poidan os propietarios. Deste xeito, “e tal e como xa avanzamos, coa sinatura dos 7 convenios de cesión (que suman 8.760m²) e o proxecto de expropiación que aprobamos hoxe en Xunta de Goberno (1.269 m²), dispoñeremos da totalidade dos terreos que son necesarios para dotar á zona sureste da cidade dun novo centro educativo, tan demandado polos veciños e veciñas”, indicou Miguel Fernández.

Ascensor

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou a resolución do contrato asinado coa empresa Escavacións J.Fernández o 30 de abril de 2015 para a construción do ascensor do Sagrado Corazón por un importe próximo aos 190.000€.

Segundo explicou Miguel Fernández, “a empresa presentou a renuncia a dito contrato por circunstancias alleas ao Concello, desistindo expresamente dunha futura posible reclamación (nun escrito o 7 de xullo e en alegacións o 3 de novembro tralo trámite de audiencia que lle foi concedido) alegando, logo da adxudicación, que o proxecto ten defectos que non fan posible executala, algo que non se axusta á verdade nin á realidade, tal e como certifica a empresa pública Evislusa nun informe”.

Ademais, engadiu o voceiro, “tal e como constata a Asesoría Xurídica, o momento no que se deben advertir supostas deficiencias do proxecto non é tras a adxudicación, senón durante o prazo de licitación para que, unha vez avaliadas polos técnicos competentes, a Administración contratante poida acordar, en caso de existir efectivamente ditos erros, o desistimento do proceso. De feito, o proxecto de obra estivo a disposición dos interesados durante todo o prazo de licitación (dende o 7 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2015), sen que durante este período nin o adxudicatario nin os restantes licitadores manifestaran a existencia de deficiencias ou dúbidas respecto ao seu contido”.

A renuncia ao contrato por parte da adxudicataria obriga a sacar de novo a licitación a obra, algo que, avanzou Miguel Fernández, “faremos de inmediato para que o proxecto poida estar adxudicado o antes posible. Darémoslle a máxima prioridade”, subliñou.

Alleamento de 99 vehículos

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou abrir o proceso de licitación para o alleamento mediante poxa pública de un total de 99 vehículos: 7 deles vehículos municipais declarados non utilizables e 92 vehículos abandonados, retirados e aloxados no depósito municipal. O prezo mínimo de venda é de 13.500 euros.

O Concello publicará un anuncio de licitación no BOP, así como no Perfil do Contratante, na web municipal www.lugo.gal, para que os interesados presenten as súas ofertas, que deben facer para a totalidade dos vehículos, sen que se poda poxar para un ou varios deles.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a adxudicación directa dun contrato de alugueiro dunha vivenda situada na rúa Río Ser adquirida no marco do Programa de Erradicación do Chabolismo desenvolvido polo Concello e a Xunta. A familia á que lle foi adxudicado este piso no 2010 renunciou a el no 2012. Agora, o Concello adxudica o contrato de aluguer a outra familia, como xa está establecido neste programa, por un período de 2 anos, que se prorrogará anualmente ata un máximo de 5.

A prórroga por un ano –de febreiro de 2016 a febreiro de 2017- do contrato do Concello coa empresa Socamex SAU por un importe de 20.000 euros para a prestación do servizo de control da calidade da auga de consumo humano do abastecemento, e control sanitario das fontes públicas non conectadas á rede de abastecemento foi outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno desta mañá.

Autorizouse tamén a realización de servizo extraordinarios, nun caso para o persoal adscrito á Unidade Administrativa de Sancións -durante o mes de xaneiro- e noutro para o encargado da piscina municipal –70 horas, durante xaneiro, febreiro e marzo por mantemento das instalacións-. No caso da Unidade de Sancións, os servizos extraordinarios veñen motivados, segundo informe do xefe da Policía Local, polo traballo que supuxo a entrada de dous oficios do Xulgado Contencioso Número 1 de Lugo mediante os cales se solicita a remisión de copia duns 200 expedientes sancionadores en total, o que supón preto de 40.000 copias.

Noticias relacionadas