O Concello comeza a abonar as axudas do Plan Reanima, coas que inxectará case 3 millóns de euros entre autónomos, pemes e familias

A programación, posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez como resposta á crise económica derivada da COVID-19, beneficiará a preto de 3.000 lucenses, co obxectivo de protexer empregos e paliar a reducción de ingresos pola pandemia
 
A Xunta de Goberno aprobou este mércores o listado de beneficiarios, que se pode consultar na web. Ademais, ábrese un prazo de 10 días para que as persoas que teñan algunha débeda co Concello poidan enmendala para recibir a súa axuda

Mércores, 08 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello comeza a abonar as axudas do Plan Reanima, coas que inxectará case 3 millóns de euros entre autónomos, pemes e familias

O Concello de Lugo comezará a abonar a partir de hoxe as axudas do Plan Reanima, coas que inxectará preto de 3 millóns de euros entre emprendedores, autónomos, pemes e familias, para facer fronte á crise económica derivada da COVID-19. A programación, posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez, beneficiará directamente a uns 3.000 lucenses, que comezarán a recibir as axudas nos vindeiros días.

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o listado de beneficiarios que teñen toda a documentación completa, tras abrirse un período para alegacións e enmendas nas solicitudes, logo da publicación das listaxes provisionais na web do Concello o pasado 11 de xuño. A partir desta data, a área de Desenvolvemento Local e Emprego recibiu e tramitou máis de 1.000 achegas de documentación e aclaracións.

O goberno municipal destinou 5 millóns de euros ao Plan Reanima para protexer os postos de traballo e paliar a redución de ingresos que supuxo a pandemia. Do total, as axudas aprobadas ata o momento ascenden a 2.631.710 euros para as dúas liñas da programación: a 1, para o impulso económico e de protección do emprego, e a 2, para apoio da conciliación da vida familiar e laboral. Deste xeito, o listado aprobado contempla a concesión de 2.436  axudas dentro da Liña 1, por un importe de 2.583.060 euros, e de 405 na Liña 2, que suman 48.650 euros máis.

Cómpre sinalar que, a partir de hoxe, abrirase un prazo de 10 días hábiles, ata o vindeiro 22 de xullo, para que as persoas que solicitaron as axudas do Reanima e teñen contraída algunha débeda co Concello poidan liquidala e así recibir a prestación correspondente. Neste senso, o número de solicitudes pendentes de emendar débedas é de 308. Mentres que o número total de instancias desestimadas é de 427, que se corresponden con solicitudes que non se axustaban ás bases da programación ou que non reunían a documentación requirida.

En total, preto de 3.600 lucenses presentaron a súa solicitude para optar ás axudas, xerando máis de 5.000 expedientes, o que se traduce nun volume moi elevado de documentación que o Concello tramitou nun curto período de tempo.

O executivo de Lara Méndez decidiu que os 2 millóns de euros que non se esgotaron nesta primeira fase do Reanima serán destinados a un segundo plan de apoio aos axentes económicos do municipio para darlle un novo pulo á súa reactivación.

Volume de consultas

A necesidade deste Plan reflíctese asemade no interese que espertou, xa que dende o 010 atendéronse máis de 7.000 chamadas ás que cómpre engadir as preto de 900 consultas realizadas a través dos teléfonos directos do Plan Reanima, os 1.000 correos electrónicos atendidos ou o asesoramento online ofrecido a máis dun cento de asesorías locais.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o pagamento das axudas, do Plan Reanima | Descargar mp3

Noticias relacionadas