O Concello colocará o vindeiro martes a estatua de San Vicente no seu lugar emblemático, tras acometer a súa restauración

Manuel Núñez indicou que, aproveitando a restauración, se ampliou a lonxitude do sistema de ancoraxe para que o conxunto escultórico gañe en estabilidade e seguridade

A entidade local destinou 6.000 euros a estes traballo para que a fonte, erixida en 1754, volva lucir o seu distintivo máis representativo

Domingo, 11 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro martes, día 13 de xuño, o Concello de Lugo procederá á colocación da estatua de San Vicente, na seu lugar emblemático, na Praza Campo, tras acometer a súa restauración, logo do acto vandálico do que foi obxecto, que provocou a súa fragmentación en tres pezas, danando especialmente á cabeza, o manto e a súa manga dereita.

Os traballos de restauración comprenderon a limpeza en seco da estatua, para posteriormente proceder ao pegado dos 6 fragmentos de importante entidade, 3 da cabeza, 1 da manga e 2 da túnica, con resina epoxi. Así mesmo reconstruíronse os volumes de menor entidade, e procedeuse ao selado de fracturas, lavado, aplicación de cloruro, consolidadción de cal, hidrofugación e matización de cor. Para estes traballos o Concello destinou uns 6.000 euros.

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, indicou que, aproveitando esta restauración, tamén se reconstruíu a man que xa lle faltaba dende antes do incidente. Ademais, para dar maior consistencia ao conxunto escultórico, a restauración inclúe a ampliación da lonxitude do sistema de ancoraxe das dúas pezas principais, gañando así en estabilidade e seguridade.

Manuel Núñez volveu apelar á responsabilidade da cidadanía para que se conciencie da importancia que para todos e todas ten a conservación dos nosos bens culturais, que forman parte do noso patrimonio, como é a Fonte de San Vicente, erixida en 1754, e que a partir deste martes, volverá lucir o seu distintivo máis representativo.

Noticias relacionadas