O Concello colabora na difusión de Lugo a través dun xogo na Internet

Mércores, 07 de marzo de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

López Orozco e Carmen Basadre participaron na presentación deste xogo que tivo lugar na Casa da Xuventude e disputaron unha partida con outros internautas

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, e o director xeral do grupo El Progreso, José de Cora Paradela, presentaron hoxe en sociedade un xogo que contribuirá á difusión da cidade de Lugo a través da internet. Trátase de Pentacle, un xogo en-liña, que incorpora dúas salas adicadas á nosa cidade nas que os xogadores deberán responder preguntas sobre distinta temática relacionadas con Lugo.

O Alcalde destacou que para o Concello é importante apoiar “unha iniciativa empresarial nacida na nosa cidade. que utiliza as novas tecnoloxías e que vai contribuír a aumentar o coñecemento da nosa cidade e as súas peculiaridades, tanto por parte dos propios lucenses como no exterior”. Tamén salientou López Orozco o valor pedagóxico desta iniciativa, que conxuga, dixo, “cultura e diversión”.

Pola súa parte, o director xeral de El Progreso agradeceu a acollida do Concello a esta iniciativa, da que dixo que se trata “dun proxecto de entretenemento, de promoción e pedagoxía sobre a nosa cidade a través da internet”. Tamén destacou que “a nosa aspiración é chegar a ser un referente a nivel mundial nos xogos trivial de preguntas e respostas e o paso que damos hoxe da man do Concello é a revalidación de que este proxecto que pode chegar a bo porto”.

De Cora explicou que o xogo consta de máis de 50 salas, dúas delas adicadas a Lugo nas que se inclúen cinco mil preguntas sobre monumentos, historia, arte, literatura, costumes, personaxes ou fisionomía urbana da cidade, entre outros aspectos.

Para atinar coa resposta correcta á pregunta que se plantexa en cada momento, o xogador debe escoller entre catro posibles respostas e dispón dun máximo de dez segundos. Cada unha das partidas consta de quince preguntas e o xogo dispón de cinco niveis, segundo o nivel de dificultade das preguntas.

Logo da presentación da sala adicada a Lugo no xogo Pentacle, o Alcalde, a Concelleira de Benestar Social e o Director xeral de El Progreso disputaron unha partida xunto con outros internautas.

Os xogadores que atinaron máis preguntas na primeira partida e tamén os que o fagan nas primeiras 24 horas recibirán unha serie de premios que se entregarán o vindeiro venres.

Para acceder a este xogo é necesario estar rexistrado en facebook e pódese acceder a el dende a páxina web do Concello: Xogo Pentacle

Multimedia

Noticias relacionadas