O Concello colabora coa Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo na súa loita pola igualdade real

A Alcaldesa mantivo un encontro co vicepresidente de ALAS, Marcos Fernández, no que subliñou que o Goberno seguirá apostando “por construír unha sociedade inclusiva e polo respecto a todas as orientacións sexuais”

Venres, 21 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este venres no Concello unha reunión co vicepresidente da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo (ALAS), Marcos Fernández; un encontro no que a rexedora lle transmitiu o apoio continuado do Concello ás organizacións que co seu compromiso e convicción seguen traballando pola igualdade real, e por unha sociedade libre de discriminacións e exclusións pola orientación sexual e a identidade de xénero.

Lara Méndez aproveitou este encontro, ao que tamén asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana María González Abelleira, para amosarlle a Fernández a vontade do Concello de traballar “para construír unha sociedade inclusiva e libre, posto que estamos convencidos da importancia da educación para promover o respecto ás diferentes orientacións sexuais”.

Tras a reunión, Méndez asegurou que “tanto Concello como ALAS demandamos leis pola igualdade real. Recoñecida a igualdade formal, queda moito camiño por recorrer para alcanzar a igualdade efectiva de gais, lesbianas, transexuais e bisexuais”.

A rexedora tamén lembrou que o Concello colabora con ALAS cunha subvención nominativa anual de 2.000 euros. “Seguiremos apostando polas políticas de igualdade e pola diversidade”, aseverou Méndez.

Noticias relacionadas