O Concello cofinanciará con 123.000€ ao ano o funcionamento da nova escola infantil, para a que xa puxo os terreos

A Alcaldesa destacou o esforzo investidor do Goberno en políticas sociais, e na educación de 0 a 3 anos, pois conta con catro garderías municipais que ofrecen 238 prazas

A dotación pública de Garabolos contribúe a satisfacer a ampla demanda de prazas que existe no municipio

Martes, 18 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello cofinanciará con 123.000€ ao ano o funcionamento da nova escola infantil, para a que xa puxo os terreos

A Alcaldesa, Lara Méndez, participou este martes na xornada de portas abertas celebrada na nova escola infantil de Lugo, situada na zona de Garabolos, un proxecto impulsado pola Fundación Amancio Ortega, que pasa a integrarse na rede pública do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Méndez anunciou que o Concello, que xa cedeu os terreos para poder construír e poñer en marcha a dotación -unha parcela pública de preto de 4.000 metros cadrados-, cofinanciará tamén agora o funcionamento do centro cunha achega duns 123.000€ ao ano, o que supón unha terceira parte do total necesario.

 O Goberno, destacou a rexedora, reforza deste xeito o seu esforzo investidor na educación pública para nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade, “entendida como un apoio á función educativa familiar e á conciliación, que sempre recae nunha das partes da parella, case sempre na muller”. O esforzo investidor municipal neste eido ten o seu piar fundamental na rede de escolas infantís municipais, que ofrece 238 prazas públicas, fronte ás 209 das dependentes da Xunta de Galicia. As 82 prazas coas que conta a nova dotación de Garabolos contribúe a satisfacer a ampla demanda existente en Lugo, indicou Lara Méndez.

 O Concello, aínda non tendo as competencias, destina nos orzamentos máis de 4 millóns de euros a educación, fundamentalmente para o funcionamento das garderías e dos comedores escolares, un servizo que presta a entidade local en 9 centros públicos cunha achega superior aos 800.000€ ao ano, fronte aos 90.000 da Xunta en tres cursos. Así mesmo, ofrece outros programas que contribúen á conciliación laboral e familiar, como as ociotecas e Aprende Xogando.

 De feito, Lugo é o Concello galego e o cuarto de España que máis inviste en políticas sociais, con 23M€, o que supón o 24% do orzamento, un compromiso enmarcado no seu modelo de cidade, máis social, accesible, humana e verde.

 A Alcaldesa agradeceu á Fundación Amancio Ortega “que invista en Lugo, e por facelo en servizos públicos fundamentais, como a educación e a sanidade”, ademais de poñer en valor a cooperación institucional coa Xunta. “Cada vez que a Administración autonómica queira investir en Lugo, no Concello temos a porta aberta para colaborar”, destacou.

Noticias relacionadas