O Concello citou hoxe aos afectados polas expropiacións do Carme para asinar o pago das parcelas e saldar así unha “débeda histórica”

Deste xeito, “devolvémoslles uns dereitos a uns veciños da zona do Carme, que foron tratados inxustamente pola disparatada cualificación urbanística do PXOM feito á medida nos anos 90 para uns poucos”, subliñou Fernández

“Este Goberno foi responsable, e despois dun ano foi quen de desbloquear un expediente iniciado hai uns 20 anos”

Xoves, 21 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello citou hoxe aos afectados polas expropiacións do Carme para asinar o pago das parcelas e saldar así unha “débeda histórica”

O Concello de Lugo citou na mañá deste xoves na casa consistorial aos afectados polas expropiacións do Carme para asinar a acta de pago das parcelas e saldar así “unha débeda histórica”, tras aprobarse definitivamente na Xunta de Goberno da primeira semana deste mesmo mes o proxecto de expropiación de máis dunha decena de terreos nesta zona. Na espera da sinatura, os propietarios aseguraban entre eles que o pago das indemnizacións se debería ter feito hai anos, pero amosáronse contentos por asinar hoxe, porque se lles asegura o cobro.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, acompañada do voceiro municipal, Miguel Fernández, foi a encargada de asinar a acta de pago da expropiación destes terreos, afectados por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que deu a razón aos propietarios altamente perxudicados pola disparatada cualificación urbanística do PXOM de 1990. Tras esta sinatura, recibirán a cantidade correspondente polos seus terreos, dun total de 5.424,58m2 de superficie, cunha contía que ascende a preto de 4 millóns de euros, concretamente, 3.943.477,90 euros. O pago faise efectivo hoxe mesmo, e os propietarios recibirán a súa contía ben a través de transferencia bancaria ou talóns. En total hoxe asinouse a acta de 13 parcelas. Quedan 3 sen asinar, por mor de disensións entre os propietarios. A contía correspondente a estas tres parcelas será depositada mañá na Caixa Xeral de Depósitos de Facenda.

Deste xeito, tal e como asegurou Miguel Fernández, “devolvémoslle uns dereitos a uns veciños da zona do Carme, que foron tratados inxustamente no PXOM do ano 90 feito á medida para uns poucos”. Neste senso, o voceiro quixo lembrar, que “este Goberno foi responsable, e despois dun ano foi quen de desbloquear un expediente iniciado hai uns 20 anos”.

Noticias relacionadas