O Concello celebra os 70 anos do Cemiterio de San Froilán sendo un dos camposantos máis bonitos do mundo

A Alcaldesa foi a encargada de descubrir unha placa conmemorativa dunha nova escultura, tras realizar a tradicional ofrenda da Corporación Municipal aos defuntos lugueses

O cemiterio acollerá o luns un concerto de Noemi Mazoy, e ao longo do mes tamén será escenario dunha visita guiada teatralizada e a representación da obra Don Juan Tenorio

Continúa aberto o prazo de matrícula, ata o 25 de novembro, para o I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, un dos poucos destas características en España, que acollerá o Vello Cárcere o 30 de novembro e 1 de decembro

Venres, 02 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este venres os actos organizados polo Concello para conmemorar o 70 aniversario do Cemiterio Municipal de San Froilán, coincidindo ademais coa programación de Santos 2018. Os actos, aos que tamén asistiu a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e outros membros da Corporación Municipal, arrincaron cunha ofrenda floral aos defuntos lugueses, na entrada principal do camposanto. Esta ofrenda de homenaxe incluíu unha actuación musical.

Posteriormente, Lara Méndez foi a encargada descubrir unha placa conmemorativa, dunha nova escultura, situada no centro das instalacións do cemiterio, que reza o seguinte: En 1948 inaugurouse este Cemiterio e 70 anos despois, sendo Alcaldesa Dona Lara Méndez López e delegada de Concello e Cidadanía a Tenenta de Alcadlesa Dona Rosana Rielo Rozas, lembramos a nosa historia con esta escultura. Cando un ser querido se converte en memoria, a memoria convértese en tesouro (Anónimo).

Durante o acto, a rexedora tivo unha lembranza para o primeiro enterramento do camposanto, deseñado polo arquitecto municipal Eloy Maquieira, Matilde. Así mesmo recordou as distintas construccións que se trasladaron do vello cemiterio de Magoi ao de san Froilán, e que hoxe se poden contemplar no recinto actual como mostras do arte funerario do século XIX, das que salienta o Mauseo neogótico, que pertenceu á familia Ventosinos, e que conta, dende o 2015, co galardón ao Mellor Monumento Arquitectónico Funerario de España.

A rexedora destacou a a evolución que sufriu o cemiterio ao longo destes 70 anos, e que vai parella á evolución social, tanto en usos como en costumes funerarios, estando na actualidade na vangarda das tendencias á potenciación o turismo emocional, o necroturismo e os usos culturais que tentan acortar distancias entre a cidade dos vivos e a cidade dos mortos, achegando á cidadanía aos cemiterios a través de actividades cunha finalidade clara de posta en valor do patrimonio funerario e, en resumo a difusión da cultura funeraria.

Como froito desta evolución e do esforzo realizado, o Cemiterio de San Froilán conta cun importante recoñecemento, ao ser elexido pola revista National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo estando entre os 11 mellores cemiterios de España. Ademais no 2017, foi tamén premiado ás Mellores actividades de portas abertas en cemiterios de España.

Máis programación no cemiterio

O Concello preparou para o día 5 de novembro, no cemiterio municipal, o concerto da soprano Noemi Mazoy, dende as 20:00 horas. É unha actividade gratuíta pero é necesario retirar invitación na Sección de Cemiterios, na Ronda da Muralla, 197.
A entidade local tamén organizou unha visita guiada teatralizada, a cargo de Achádego Teatro, o día 11 de novembro, dende as 17:00 horas, e a representación da obra de Don Juan Tenorio, da man de Escola Palimoco Teatro, Palimoquiños e Taller de Arte Dramática da USC, coa colaboración de Pepín Bermúdez como mestre de esgrima e Yuri Sida,, o 27 de novembro, ás 21:00 horas. Para estas dúas actividades tamén é necesario retirar invitación.

I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria

Lugo acollerá a finais deste mes o I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, un dos poucos desta temática e tipoloxía que se celebran en España. Trátase dunhas xornadas organizadas polo Concello e a USC, que versarán sobre As perspectivas da morte e que terán lugar os días 30 de novembro e 1 de decembro no auditorio do Vello Cárcere.

O programa abrangue distintos eixes temáticos: representacións da morte na historia, ritos funerarios e morte nas distintas culturas, antropoloxía da morte e grandes cemiterios monumentais. Haberá conferencias, comunicacións e mesas redondas; todo elo cun obxectivo: crear un foro de debate e estudo das distintas achegas científicas e de investigacións que neste ámbito proporcionen información precisa a través da cal poder abordar conceptual e culturalmente a morte.

Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse, de xeito gratuíto, ata o 25 de novembro, a través da nova web do Cemiterio Municipal, cemiterio.lugo.gal. Nesta mesma ligazón pódese consultar toda a programación.

Noticias relacionadas