O Concello celebra o Día Mundial das Habilidades da Xuventude cunha charla do locutor musical Fernandisco e unha andaina pola cidade

Será o venres, 10 de xullo, ás 19:00 horas, nas inmediacións da Casa da Música. Esta conferencia conta coa colaboración de Dj Frisco & Marcos Peón
 
Guido Álvarez guiará a andaina xuvenil pola sostibilidade o 15 de xullo, para a que a entidade local ofrece 25 prazas. As inscricións deben realizarse en xuventude@lugo.gal

Mércores, 08 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello celebra o Día Mundial das Habilidades da Xuventude cunha charla do locutor musical Fernandisco e unha andaina pola cidade

O goberno de Lara Méndez, a través da Área de Xuventude que dirixe Ana G. Abelleira ten previsto, para celebrar o Día Mundial das Habilidades da Xuventude, que se conmemora o 15 de xullo, unha conferencia e unha andaina pola cidade. Concretamente, será unha sesión a cargo do locutor musical Fernandisco, sobre intelixencia emocional e motivación de equipos. O musicoach conducirá dita charla a través da música e empregará cancións para facer fincapé en conceptos ligados ao positivismo, empatía ou superación. Será o venres, 10 de xullo, ás 19:00 horas, nas inmediacións da Casa da Música (no Parque da Milagrosa, ao carón das piscinas exteriores de Frigsa). A asistencia é libre ata completar aforo.

Esta charla, baixo o título Rescate emocional, conta coa colaboración de Dj Frisco & Marcos Peón, dous deejays con máis de 20 anos de experiencia en cabinas, e dos galegos (un deles lugués) máis internacionais. Tamén son productores musicais, con máis de 15 temas orixinais no mercado.

A maiores, o propio día 15, haberá unha andaina xuvenil pola sostibilidade. Será a cargo do guía, veciño e namorado de Lugo Guido Álvarez Parga. Hai 25 prazas (por orde de inscrición) e a saída é ás 10:30 horas, do Parque Rosalía de Castro, diante do busto da escritora. A duración desta andaina é de 3 horas. Os mozos e mozas de 14 a 35 anos interesados en participar deben realizar a súa inscrición do 8 ao 15 de xullo a través do enderezo electrónico xuventude@lugo.gal.

Nota: Se alguén esta interesado en entrevistar a Fernandisco ou a Guido Álvarez, pode poñerse en contacto a traves do correo electrónico: prensa@lugo.gal

Audio

  • A edil de Xuventude, Ana G. Abelleira, sobre o Día das Habilidades | Descargar mp3

 Vídeos

Noticias relacionadas