O Concello celebra o Día dos Arquivos coa publicación de documentos sobre a vida cotiá no Cárcere do Partido Xudicial

Daniel Piñeiro explicou que a documentación, accesible a través da web www.lugo.gal, contribúe a contar a historia das súas paredes e das persoas reclusas

Venres, 09 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, explicou este venres que o Concello celebra ao longo do día de hoxe o Día Internacional dos Arquivos. Este ano o Consello Internacional dos Arquivos quere resaltar os fondos que reflicten o concepto Arquivos Cidadáns e Interculturalidade. Por elo, o Arquivo Municipal traballou sobre os documentos que contan o pasado do vello Cárcere do Partido Xudicial de Lugo.

O edil explicou que “tras a montaxe da exposición Un cárcere, unha porta e un xardín, que aínda se pode ver no propio edificio, esta documentación pretende completar a información alí exposta, a través de documentos de arquivo que inciden sobre a vida cotiá nesta prisión a finais do século XIX e principios do XX”.

Deste xeito, o Arquivo Municipal realizou unha selección de libros e rexistros dixitalizados entre os que se atopan listas de entrada e saída de presos, listas de abastecemento de comida para presos pobres e rexistros de entrada e saída do Hospital Municipal dos internos no mencionado presidio; ao mesmo tempo que se trata de contar a vida diaria e réxime disciplinario da mesma.

Toda a documentación está accesible á cidadanía a través da web municipal www.lugo.gal.

Arquivo Municipal

O Arquivo Municipal conta cun depósito de 370 metros cadrados, que acolle 3.200 metros lineais de andeis, ou o que é o mesmo, 24.000 caixas de arquivo, que conteñen miles de expedientes, ademais de libros, planos, fotografías e outros documentos.

Para optimizar o espazo e ter maior seguridade a maioría das unidades de instalación están colocadas en andeis móbiles metálicos. O Concello de Lugo segue unha política de compra anual deste tipo de andeis, ata que a súa dotación sexa completa, na actualidade constitúen máis de 2/3 das instaladas no depósito.

Para a súa mellor conservación tómanse unha serie de medidas de climatización, mediante o control da temperatura e humidade neste espazo. O depósito está dotado cun sistema de extractores de aire, que facilita o seu control.

O risco de incendio está controlado a través dun sistema automático de rociadores de auga, que non dana aos documentos xa que estes están protexidos adecuadamente en arquivadores de cartón realizadas con ph. neutro para que tampouco as tintas se vexan afectadas, ademais doutras medidas ordinarias tales como extintores e mangueiras de auga tradicionais.

Noticias relacionadas