O Concello cederá ao CD Lugo 1,5has de terreo en San Fiz para que o Club constrúa dous novos campos fútbol

A Alcaldesa e o presidente da entidade presentaron o acordo de colaboración, grazas ao que a cidade contará cun novo equipamento deportivo de alto nivel, unha “vila deportiva”, na que o Lugo centralizará os máis de 300 xogadores das súas categorías de base

“Así entendemos e practicamos o apoio ao deporte, a través dunha relación simbiótica co amplo tecido de entidades co que temos a sorte de contar, neste caso co Lugo”, subliñou Lara Méndez, quen destacou o “retorno social e económico de primeira orde” que terá o acordo para a cidade

Venres, 02 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
IMG_1692

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués, anunciaron este venres un acordo de colaboración segundo o que o Concello lle cederá ao Club 1,5has de terreo de titularidade municipal en San Fiz –en fronte ao CETAL- para que a entidade deportiva constrúa nel dous novos campos de fútbol e as súas instalacións auxiliares, unha “vila deportiva”, na que centralizará os máis de 300 xogadores da súas categorías de base.

Méndez subliñou que este acordo “é froito da estreita e fluída relación” que mantén o Goberno local co Lugo porque “así entendemos e practicamos o apoio ao deporte, a través dunha relación simbiótica co amplo e dinámico tecido de entidades deportivas co que temos a sorte de contar na cidade”.

Os terreos que o Concello poñerá a disposición do Club teñen a cualificación urbanística de equipamento deportivo e tras concluír a cesión –aínda por determinar, pero cun tope máximo de 50 anos- as instalacións reverterán de novo na entidade local. O acordo está a día de hoxe encarrilado administrativamente para nas vindeiras semanas poder asinar un convenio de colaboración.

A Alcaldesa destacou que terá “un retorno social e económico de primeira orde para Lugo”, en tanto que “contaremos cunhas novas instalacións deportivas de alto nivel na cidade, que permitirán ademais gañar comodidade aos máis de 300 xogadores das categorías de base do Lugo, pero tamén ao resto de entidades deportivas (Sagrado Corazón, Piringalla, Comercial...) porque nos permitirá liberar horas de adestramento e espazo nos campos municipais de fútbol das Gándaras que hoxe está a utilizar o Club e que certamente se están a quedar pequenos porque, por sorte, contamos con moita afección ao deporte”.

Así mesmo, “avanzamos no noso modelo de cidade, recuperando espazos públicos para uso público” e “dinamizamos o barrio de San Fiz, pois a afluencia de xente que levarán consigo a actividade deportiva dos campos de fútbol contribuirá a seguir dando vida a esta zona”, asegurou Lara Méndez.

O CD Lugo “é un dos estandartes da nosa cidade no resto do país e está altamente comprometido con forxar canteira cos rapaces lucenses”, engadiu a Alcaldesa, que agradeceu á entidade e singularmente ao seu presidente “que siga investindo no futuro” do municipio.

Un “gran soño”

Pola súa banda, o presidente da entidade albivermella agradeceu o apoio das autoridades para levar a cabo este acordo: “Grazas ao Concello de Lugo por tódolos esforzos que se están facendo para que poidamos levar a cabo ese gran soño que tíñamos cando chegamos de acometer unhas instalacións dignas para a nosa base, para o noso futuro. Temos que ir paso a paso, crecer na medida das posibilidades que temos estruturalmente e socialmente.”

Ao acto tamén asistiron os catro capitáns do clube, así como xogadores históricos e representantes da canteira. Unha presenza que Tino Saqués tamén destacou: “E importantísimo poder estar aquí e facer participe tanto o pasado do CD Lugo, con Simón xogador da década dos 60, o presente con Carlos Pita, Seoane, Iriome e Roberto, e o futuro que o ven a representar Iago.”

Un futuro que Saqués agarda con optimismo e sobre todo cunha meta, facer do CD Lugo un embaixador da cidade: “Pouco a pouco iremos conseguindo éxitos. Iso vai a axudar para que cada vez máis socios acudan ao Anxo Carro, máis xente participe do CD Lugo e nos sexamos capaces de, como dicía a alcaldesa, levar o nome de Lugo por toda España e a onde poidamos chegar.”

Por último, o máximo mandatario do CD Lugo, revelou os pasos a seguir na construción dos dous campos de fútbol de que constará a academia do clube: “Dende xa, que temos firmado o convenio, poñémonos a traballar no desenvolvemento do proxecto. Despois sacar licencias e executar a primeira fase, que será o campo grande, para pouco a pouco ver, nas posibilidades que podamos, que fases somos capaces de levar adiante. A nosa idea é que este ano, séa setembro ou outubro, poidamos contar xa co primeiro campo en disposición do filial e o división de honra para que poidan desenvolver a súa actividade.”

Multimedia

  • IMG_1638

Noticias relacionadas