O Concello cede os terreos para impulsar a posta en valor dos restos arqueolóxicos do Cubo VI da Muralla

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a realización dun convenio coa Consellería de Cultura para proceder a súa recuperación e musealización.

O protocolo implicará, para a Administración local, a cesión dunha parcela no Carril das Estantigas para posibilitar a execución das obras, e a posterior conservación dos achados así como a xestión dos accesos.

Lara Méndez: “A intervención permitirá enxalzar restos de singular valor que contribúen a incrementar a riqueza patrimonial da cidade, ligado á nosa historia, á nosa cultura e, polo tanto, á nosa identidade”.

Mércores, 03 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello cede os terreos para impulsar a posta en valor dos restos arqueolóxicos do Cubo VI da Muralla

O Concello de Lugo cederá os terreos para impulsar a posta en valor dos restos arqueolóxicos que apareceron ao pé da Muralla cando se restaurou o cubo VI.

Trátase - segundo recollen os informes do servizo municipal de Arqueoloxía - dun muro paralelo ao lenzo que formaba parte dunha estrutura edificatoria correspondente a unha balsa rectangular dunha curtiduría existente na zona da época medieval e tamén dunha galería que cruza perpendicularmente a construción romana que, polo interese do espazo singular ao que pertencen e pola súa relación co monumento, merecen ser recuperados.

Para abordar esta actuación, o equipo de Goberno aprobou hoxe a realización dun convenio coa Consellería de Cultura co fin de que recolla os termos da colaboración entrámbolos dous organismos públicos.

Deste xeito, o Executivo de Lara Méndez, porá a disposición da Xunta de Galicia unha parcela, situada entre o Carril das Estantigas e a rolda interior, para que poida acometer os traballos entre os que se inclúe a realización de sondaxes e tarefas de control arqueolóxico, tanto cara o interior como o exterior da Muralla, así como a recolleita de toda a información posible sobre as estruturas exhumadas no ano 2016 e que permitan completar os datos que axuden a interpretar os restos existentes.

“A intervención suporá o recoñecemento de achados dun valor sobranceiro que contribúen a incrementar a riqueza patrimonial que posúe a cidade, ligados á nosa historia, á nosa cultura e, polo tanto, á nosa identidade o que demostra a transcendencia de darlle prioridade á restauración, coidado e mantemento dos Bens locais”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora lucense aproveitou para explicar que, segundo o protocolo autorizado esta mañá, o Concello, alén de facilitar a plena e libre dispoñibilidade dos terreos necesarios para dar paso e que a Consellería de Cultura poida executar as obras, será o responsable de aprobar o documento técnico das accións así como de conservar e xestionar o acceso aos restos.

“A proposta que manexamos para poder visualizar o túnel e a balsa ou piscina dende o exterior será coa instalación de dous pequenos miradoiros abertos, situados na zona verde próxima ao parque canino, que estarán delimitados cunha varanda de aceiro e disporán dun panel informativo, mentres que as visitas ao interior se levarán a cabo cun acceso limitado e restrinxido que se xestionará dende o Servizo de Arqueoloxía”, indicou Lara Méndez.

O documento, que se asinará proximamente e estará en vigor ata a finalización dos traballos, recolle, así mesmo, a creación dunha Comisión paritaria na que cada administración contará con dous representantes para poder realizar un seguimento das actuacións desenvolvidas.

Outros asuntos da Xunta de Goberno

Por outra banda, na sesión desta mañá, o executivo local concedeu a licenza para reformar o centro de recuperación de Fauna Silvestre situado no Veral, para demoler varias edificacións e crear outras novas co fin de mellorar o estado das instalacións.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o convenio dos restos do "Cubo VI" | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello cede os terreos para impulsar a posta en valor dos restos arqueolóxicos do Cubo VI da Muralla

Noticias relacionadas