O Concello avanza na incorporación ao vieiro urbano dos tramos de dúas estradas provincias nas Saamasas e Ombreiro

O executivo aceptaba esta mañá, en Xunta de Goberno, a cesión, que suma unha superficie total de 2’1 km, coa que se lle dará continuidade ao Paseo de Palestina

Na sesión desta semana concedéronse, ademais, catro licenzas urbanísticas, unha delas para proceder á reforma do IES Muralla Romana de Lugo

Mércores, 11 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello avanza na incorporación ao vieiro urbano dos tramos de dúas estradas provincias nas Saamasas e Ombreiro

O Concello continúa a dar pasos para incorporar ao vieiro urbano os tramos de dúas estradas provincias nas proximidades da capital.

O executivo de Lara Méndez aceptaba esta mañá, en Xunta de Goberno, a entrega, por parte da Deputación de dous tramos, de pouco máis dun quilómetro cada un, da LU-P- 2902, na Ponte de Ombreiro, e da LU – P – 2924 nos accesos á estrada deste núcleo,  nas Saamasas, cos que o Concello pretende darlle continuidade ao Paseo de Palestina, unificando a titularidade destes viais que se atopan nunha contorna urbana.

“Trátase do treito inicial da LU-P-2902, cunha lonxitude de 1.034 metros, e da LU-P-2924 na súa totalidade, que abrangue tanto un traxecto de 628 metros, con inicio na vía anterior  e final na rúa dos Deportes, así como un ramal de 420 m. que parte do itinerario principal e remata na intersección coa LU-P-2902”, abondou o edil de Urbanismo Sostible. “En total 2’082 km que pasarán a integrarse no rueiro da cidade e que nos permitirán exercer un mantemento continuado sobre os mesmos e garantir o seu estado de conservación nas condicións máis axeitadas tendo en conta que se trata de vías de conexión moi importantes, que prestan un gran servizo e que son empregadas diariamente por moitas veciñas e veciños de Lugo”.

Miguel Couto explicou que “este trámite de aceptación é imprescindible para que o organismo provincial poida remitir, para a súa autorización, ao Consello da Xunta de Galicia a solicitude realizada pola administración local para incorporalas ao Inventario de Bens Municipais, ao afectar a cesión só a un tramo parcial das mesmas. Porén, ata a publicación do decreto de aprobación no DOG non será posible a materialización deste traspaso”, indicou.

Por outra parte, na sesión desta semana, o equipo de goberno concedeu tamén 4 licenzas urbanísticas, entre elas a reforma do IES Muralla Romana de Lugo, na que a Consellería de Educación empregará 360.063’73 € para, entre outras actuacións, pechar o polideportivo, dotalo de vestiarios e converter o actual ximnasio en talleres de formación de estética e perruquería, para o que dispón dun ano.

Igualmente autorizouse un parcelamento de terras na parroquia de Pías e a construción de sendas vivendas unifamiliares, unha no no núcleo de Casás (150.725’31€) e outra en Piúgos

(280.810’58€), as dúas cun prazo de execución de 36 meses.

Ademais, esta mañá foron aprobadas as prórrogas dos contratos, dependentes da área de Medio Ambiente, para o control de pombas na cidade, que asume dende 2015 a empresa Agronerga por importe de 10.514’90 euros anuais, así como o dos servizos de prevención e control da lexionelose nas instalacións municipais e a desinfección, desinsectación e desratización, que asume Sanal cun custo por exercicio de 35.090 €.

Audio

  • O concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a cesión dos tramos de Ombreiro - As Saamasas | Descargar mp3

Noticias relacionadas