O Concello avanza na implantación da administración electrónica, de forma que os lucenses gañen rapidez e comodidade

Rosana Rielo mantivo un encontro con técnicos do Concello de Gijón, referente en e-administración, para avanzar na modernización da entidade local, que foi unha das primeiras de Galicia en pór en marcha o rexistro electrónico

Mércores, 09 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo traballa na implantación da administración electrónica, de forma que os lucenses poidan gañar rapidez e comodidade á hora de resolver as súas xestións. Así o deu a coñecer a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen mantivo un encontro con técnicos do Concello de Gijón, que vén de recibir un premio polo modelo ideal do servizo electrónico da Administración Pública española durante o 2015, para progresar na implantación da e-administración, “unha nova vía de contacto cos lucenses para ofrecer un servizo mellor, máis rápido e máis eficaz”.

A edil foi acompañada dun comité técnico do que forman parte distintos servizos municipais –Vicesecretaría, Informática e Rexistro- co fin de que todos participen na modernización administrativa dos servizos, que previsiblemente estará implantada a finais de ano, o que favorecerá a transparencia da institución.

Rielo asegurou que o propósito desta reunión é avanzar na modernización do Concello, impulsando canles de participación coa cidadanía e evolucionar cara unha estratexia de goberno aberto. Neste senso, a edil fixo fincapé en que a administración electrónica permitirá realizar procedementos sen ter que desprazarse ata os servizos municipais, achegando a administración aos seus usuarios. Ademais, beneficiará á cidadanía ao axilizarse os trámites e os procesos burocráticos e evitarase a perda de tempo e desprazamentos. Leva aparellado tamén un aforro económico.

O Concello de Lugo foi un dos primeiros municipios de máis poboación de Galicia en poñer en marcha o funcionamento do Rexistro electrónico.

Noticias relacionadas