O Concello autoriza a Xestur á segregación de terreos nas Gándaras para facilitar o desenvolvemento da Fase II do polígono

A parcela resultante, de 97.654 m²,fragmentarase en varias e suporá tamén a creación de diferentes zonas verdes, prazas e viarios.

A solicitude, presentada o 14 de maio, foi resolta pola administración local “coa maior das dilixencias, para que Lugo non perda oportunidades”.

A rexedora lucense empraza á Xunta a urbanizar a zona con celeridade para favorecer a implantación de negocios e xerar novos postos de traballo.

Martes, 13 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello autoriza a Xestur á segregación de terreos nas Gándaras para facilitar o desenvolvemento da Fase II do polígono

A Xunta de Goberno autorizará esta semana a concesión á Xestur dunha licenza de parcelamento no Polígono das Gándaras.

A solicitude, presentada o 14 de maio, foi resolta pola administración local “coa maior das dilixencias” para posibilitar o desenvolvemento inmediato da Fase II deste parque empresarial.

A actuación implica o segregamento, en dous predios, da denominada Unidade Funcional S - situada na rúa Juan Jacobo Durán Loriga (vial D) e Rafael Cadórniga Carro (Vial C) - cunha superficie total de 1.259.862 m², que dará como resultado unha parcela matriz de 1.162.208 m² e outra denominada Unidade Funcional S, de 97.654 m². Esta última dividirase, á súa vez, noutras parcelas de diferentes tamaños, e tamén en espazo dedicado a zonas verdes, prazas e viarios.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, emprazou, nunha nova ocasión, á Xunta de Galicia a ser áxil na urbanización do solo industrial deste Polígono así como na posta a disposición de todos estes terreos a aquelas iniciativas empresariais que poidan amosar interese por implantarse aquí.

“Trátase de que Lugo non perda oportunidades económicas nun momento, ademais, no que desde o Concello estamos a impulsar a captación de investimentos co fin de que se asenten negocios na cidade e se poida crear emprego”, afirmou a rexedora.

Méndez lembrou que para acadar ese obxectivo o Goberno local traballa en diferentes ámbitos, tanto a través da Estratexia Lugo Transforma, que mobiliza 12 millóns de euros na constitución dun fondo público emprendedor para atraer empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental, como mediante outras iniciativas, da man do tecido económico e produtivo da cidade, “polo que esa dilixencia resulta tan necesaria como o mantemento dunha comunicación continúa e constante entrámbalas dúas administración que reverta nun incremento da nosa capacidade conxunta para abordar os retos desta etapa post-covid e que pasan pola recuperación e dinamización económica do municipio e o fortalecemento da sociedade a través da xeración de postos de traballo”, concluíu Lara Méndez.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local, autorizará tamén esta semana a reforma dunha vivenda unifamiliar na rúa Codesal (85.672 €).

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a licenza de Xestur | Descargar mp3

Noticias relacionadas