O Concello autoriza a transformación do Pazo de Velarde

A Xunta de Goberno outorgou hoxe a licenza para converter o inmoble nun centro diocesano e casa de misericordia.

A obra, que conta cun orzamento de 1.186.055 euros, disporá de 30 meses para executarse.

Na sesión desta mañá o concedéronse en total cinco actuacións urbanísticas no municipio que suman, no seu conxunto, un investimento de 1.794.458 euros.

Mércores, 07 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello autoriza a transformación do Pazo de Velarde

A Xunta de Goberno Local vén de outorgar esta mañá a licenza para transformar o Pazo de Velarde co fin de convertelo nun centro diocesano e casa de misericordia.

A solicitude, formulada pola Diócese de Lugo, para readaptar e rehabilitar parcialmente un dos edificios máis emblemáticos da Praza de Santo Domingo, foi estimada polo Concello logo de recibir, o pasado 13 de xaneiro, a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para realizar o proxecto de control arqueolóxico.

As obras, que contan cun orzamento de 1.186.055 euros, deberán executarse nun prazo de 30 meses.

Este, foi un dos asuntos máis relevantes que se abordaron na sesión desta semana, na que tamén se concederon outras catro intervencións urbanísticas trasladadas dende a área de Urbanismo do goberno de Lara Méndez.

Entre as máis destacadas figura a reestructuración total dunha edificación na rúa Nova destinada a uso residencial (227.977 €), a legalización dun adosado xa existente e a creación dunha nova corte nunha explotación gandeira de vacún de leite de 127 cabezas en San Martín de Piñeiro (213.266 €) así como a reforma e ampliación do edificio auxiliar dunha estación de servizo sita na Rolda da Muralla (71.856 €) e a construción dunha vivenda unifamiliar en Mazoi (95.303 €).

Actuacións que, no seu conxunto, xerarán un investimento no municipio de 1.794.458 euros.

Noticias relacionadas