O Concello autoriza 359 fogueiras de San Xoán, tanto na zona rural como na cidade

A Alcaldesa ditou un bando que establece as normas ás que teñen que axustarse as fogueiras, nas que queda prohibido queimar rodas e plásticos, así como realizar en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, ou zonas verdes

Xoves, 23 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello autorizou 359 fogueiras de San Xoán, para os festexos que terán lugar esta noite, 217 na zona rural e 142 na cidade. No que se refire ao rural, as fogueiras terán lugar nas parroquias de Fixós, Orbazai, Labio, Teixeiro, Santa Comba, O Veral, Piúgos, Poutomillos, Tirimol, San Xoán do Campo, Recimil, San Xoán de Pena, San Pedro de Mera, Rubiás, Bocamaos, Pías, Santa María Alta, Esperante, Gondar, Santa María de Muxa, Calde, San Mamede dos Anxos, Ombreiro, Santa Eulalia de Bóveda, Mazoi, Romeán, Meilán, Soñar, Fazai, Adai, Pedreda, Coeo, Camoira, O Burgo, San Andrés de Castro, Bacurín, San Xoán do Alto, Santiago de Saá, Santa María de Bóveda, Cuíña, San Salvador de Muxa, Carballido, Bascuas, Vilachá de Mera, Lamas, Bazar, San Salvador de Outeiro e Coeses. En canto á cidade, haberá fogueiras no barrio de Xuíz, Fontiñas, As Gándaras, Albeiros, Galegos, Castelo, Piringalla, A Milagrosa, Saamasas, A Fervedoira, Bosende, Sagrado Corazón, A Residencia, Abella, Casás, Sanfiz, A Tolda, Fonte dos Ranchos, A Campiña, Fingoi, Montirón e A Ponte.

A Alcaldesa, Lara Méndez, ditou un bando que establece as normas ás que teñen que axustarse as fogueiras do Lume Novo, na que, ademais de contar coa debida solicitude, figura a prohibición de queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos tóxicos e o lanzamento de foguetes. Do mesmo xeito, as fogueiras non se poderán facer en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo, así como no casco histórico. O responsable ou responsables e os organizadores de cada fogueira deben retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematada a queima.

O Concello lémbralle á cidadanía, en caso de incumprimento do indicado ou ante queixas fundamentadas dos veciños, procederase polo Servizo de Extinción de Incendios, e a requerimento da Policía Local, a sofocar a fogueira.

Noticias relacionadas