O Concello aumentou nun 70% no 2015 os expedientes resoltos por limpeza e peche de fincas, acadando os 158

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible subliñou nunha xuntanza coa Federación de Asociacións de Veciños o compromiso do Goberno por manter limpos e acondicionados os solares do municipio que están sen edificar

Piñeiro anunciou que este ano se reforzará o persoal destinado a estes traballos e se activará un plan para actuar nas zonas nas que, segundo a experiencia de anos anteriores, se concentra unha maior cantidade de fincas abandonadas

Martes, 26 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello aumentou nun 70% no 2015 os expedientes resoltos por limpeza e peche de fincas, acadando os 158

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, informou este martes de que o Concello aumentou en preto dun 70% no pasado 2015 o número de expedientes resoltos por limpeza e peche de fincas no municipio, pasando dos 52 pechados en 2014 aos 158 do ano que vén de rematar. En 2015 incoáronse 264 expedientes, polo que quedan en tramitación 106.

O edil ofreceu estes datos con motivo do encontro que mantivo esta tarde con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo na praza Agro do Rolo, unha reunión que serviu, por un lado, para ratificar o compromiso do Goberno de manter limpos e acondicionados os solares do municipio sen edificar, en cumprimento da Lei do Solo, e, por outro, para reforzar a colaboración entre Concello e Federación veciñal co fin de concienciar á cidadanía da necesidade e deber de todos os propietarios de solares de conservalos en condicións de salubridade, ornato e medioambientais.

Neste senso, Concelleiro anunciou que este ano o Goberno “reforzará o persoal dedicado a estes traballos, xa que ata o de agora só contamos cunha persoa que fai o labor de campo e unha administrativa”, e ademais “activaremos un plan anual para actuar nas zonas nas que, segundo a experiencia de anos anteriores, se concentra unha maior cantidade de fincas abandonadas. Trátase de intensificar a vixianza e actuar de oficio, sen esperar a que cheguen as denuncias”, explicou Piñeiro. As zonas nas que existe maior concentración de parcelas descoidadas son, entre outras, A Piringalla, Abella, A Residencia ou A Estación.

A Federación de Asociacións de Veciños, co seu presidente, Jesús Vázquez, á cabeza, entregou a Piñeiro un listado de unhas corenta fincas da cidade que se atopan en mal estado, entre as que, segundo lles explicou o Concelleiro, hai moitas que están entre os 106 expedientes a día de hoxe en tramitación, polo que se resolverán proximamente.

O procedemento: multas ou execución subsidiaria

O procedemento ábrese con unha denuncia de oficio, tras a que se identifica ao propietario/titular a través do Catastro. Concédeselle unha audiencia de 15 días, podendo alegar que o terreo non é seu, caso no que se procede a buscar ao propietario/tiular no Rexistro da Propiedade ou consultando escrituras ou títulos de propiedade.

Unha vez identificado o propietario, ábrese un prazo de audiencia de 15 días e, de non contestar, o Concello ordénalle a limpeza, tendo 15 días para facelo. Transcorrido o prazo, compróbase se o propietario executou a orde de limpeza. Se o fixo, conclúe o expediente. Senón, concédese unha audiencia de 10 días para que alegue as razóns polas que non procedeu á limpeza dos terreos e, de non contestar, procédese á imposición dunha multa coercitiva de 300€ e un prazo de un mes para que cumpra. De non facelo, nin alegar os motivos polos que non procede ás tarefas nunha audiencia de 10 días, fíxase outra multa de 600€. O máximo é de 10 sancións (cada unha o dobre que a anterior, o que supoñería que, de impoñerse as 10, o importe ascendería a un total de 153.600€).

O Concello ten outra vía de execución, a subsidiaria, esto é, acometer as actuacións e pasarlle a factura ao propietario, un expediente independente que podería abrir en calquera punto do procedemento anterior, o que levaría consigo a interrupción deste.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre a limpeza e peche das fincas sen urbanizar |Descargar mp3

Noticias relacionadas