O Concello aumenta a capacidade de xestión coa tramitación en 2018 de 127 contratos, un 60% máis que o ano anterior

Só dende que comezou o ano, en 25 días hábiles, prorrogáronse ou licitáronse 8 contratos de servizos por máis de 7M€ e contratáronse obras por máis de 2 millóns

Aprobado o tribunal cualificador para as probas de acceso a 12 prazas de bombeiro, ás que aspiran 257 persoas

Mércores, 06 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores o informe anual sobre a situación dos contratos maiores elaborado polo servizo municipal de Contratación, segundo o que entraron en tramitación no 2018 un total de 127 expedientes, un 60% máis que o ano anterior, o que demostra o aumento da capacidade de xestión do Concello nesta materia. Este incremento, que o propio servizo de Contratación recoñece como “un éxito”, tendo en conta ademais os cambios e adaptacións que supuxo a nova Lei de Contratos, desmonta con datos reais a falacia que de maneira insistente se dedican a tratar de construír os grupos políticos da oposición.

Dos 127 contratos tramitados, 64 correspóndense con servizos e subministros, 50 a obras e 13 de carácter privado (sobre todo relativos a actuacións musicais do San Froilán). Do total, 56 xa foran formalizados a finais de ano e os restantes estaban nalgunha fase de tramitación.

Mostra deste bo ritmo de xestión contractual son os propios asuntos aprobados na Xunta de Goberno. Dende que comezou o ano, esto é, en só 25 días hábiles prorrogáronse ou licitáronse 8 contratos de servizos por máis de 7M€ (entre outros, o subministro de enerxía de baixa e media tensión) e contratáronse obras por máis de 2 millón de euros.

12 prazas de bombeiro

Por outra banda, tal e como avanzou onte o voceiro municipal, Miguel Fernández, a Xunta de Goberno aprobou hoxe os membros do tribunal cualificador para as probas de acceso en propiedade a 12 prazas de bombeiro conductor incluídas nas ofertas de emprego público que sacou adiante o Executivo cos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación. Este é o último paso previo á celebración das probas, que arrancarán o 4 de marzo coa previsión de que o proceso selectivo estea concluído nun prazo aproximado de tres meses.

Con estas 12 prazas, os efectivos do parque de bombeiros pasarán dos 38 actuais a 44 (dado que seis das prazas que saen agora a oposición están xa cubertas por interinos), un número que subirá a 50, esto é un 25% con respecto á actual plantilla, coa cobertura das 6 prazas restantes previstas nas ofertas de emprego público. Estes 6 postos cubriranse de maneira interina cos suplentes que queden na lista resultante do proceso selectivo que está en marcha nada máis que este termine.  

Noticias relacionadas