O Concello atende ás peticións veciñais e aumenta a frecuencia dos buses urbanos, mellorándoa aos principais puntos de destino

A Alcaldesa presentou o novo modelo de buses, que aumenta os servizos ao HULA, Campus, As Gándaras, Garabolos e Pazo de Feiras, e incrementa a flota de vehículos, os quilómetros e as expedicións diarias

Este novo deseño do transporte urbano de viaxeiros “permítenos avanzar no noso modelo de cidade: máis cómoda, co peón como centro, con menos tráfico rodado e maior uso do transporte público”

Mércores, 21 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello atende ás peticións veciñais e aumenta a frecuencia  dos buses urbanos, mellorándoa aos principais puntos de destino

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este mércores o novo modelo dos buses urbanos, baseado nos centos de achegas que realizou a veciñanza na campaña de participación cidadá Móvete por Lugo. Implantarase ao longo dos meses de verán, durante o que se realizará unha campaña de difusión para ofrecer a máxima información á cidadanía e poñer en marcha o servizo renovado con garantías.

O novo modelo presenta as seguintes diferencias fundamentais con respecto ao actual:

  • Aumento da frecuencia: dunha media de unha hora se pasa a 30 minutos, e mesmo nalgúns casos a 22 e 25.
  • Mellora da frecuencia aos principais núcleos de destino da cidade: HULA (nun 27%); Campus Terra (10%); polígono das Gándaras (37%); As Termas/Garabolos (37%); e Pazo de Feiras e Exposicións (100%).
  • Pasarase das 23 liñas existentes (19 urbanas e 4 rurais) a 17 (13 urbanas e 4 rurais), o que supón unha mellora na eficiencia do servizo e a diminución de autobuses baleiros.
  • Aumento da flota de vehículos: de 19 a 21.
  • Incremento de quilómetros: de 1.452.802 a 1.694.400.
  • E un aumento da expedicións diarias: de 559 a 760, en días laborais, e de 250 a 401, en festivos.

Como medidas a implantar nestes dous próximos meses estivais, tamén destaca a gratuidade do transbordo mediante cálculo de tempo de viaxe, a actualización de paneis SAE ás novas liñas, o desenvolvemento dunha App que informe en tempo real do paso dos buses, a distribución dos novos mapas de rutas e a adaptación de marquesiñas e infobus ás novas rutas, todo isto sumado a un proceso de mellora continuada.

O obxectivo é aumentar ao longo dos dez anos de vida do contrato nun 80% o número de desprazamentos en transporte público, pasando dos 8.200 actuais aos 44.000. Para acadalo, asegurou a Alcaldesa, o Concello estima que “coas novas rutas o autobús será máis competitivo que o vehículo privado, coa concatenación de viaxes sen custe poderíanse conseguir 800 viaxes/día e mellorando as frecuencias súmanse 700 viaxes/día”. O detalle das liñas, a súa descrición, frecuencia, distancias e horarios figuran no documento adxunto a esta nota de prensa.

Imaxe renovada

O novo modelo inclúe unha imaxe renovada dos autobuses, coa cor vermella propia da imaxe institucional do Concello como base e o rotulado en negro da Muralla, o buque insignia da cidade, nos laterais dos vehículos.

Paso adiante no modelo de cidade

“Se onte presentamos modificacións de crédito para acometer actuacións que mellorarán a mobilidade, como peonalizacións, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña ou o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e dun parking no entorno do HULA, hoxe damos un paso máis coa presentación do novo mapa de liñas dos buses urbanos, que nos permite avanzar no noso modelo de cidade: máis cómoda, pensando no peón como centro para recuperar espazos públicos, con menos tráfico rodado e maior uso do transporte público”, subliñou a Alcaldesa.

O novo modelo de bus urbano, afirmou Lara Méndez, súmase a outras medidas en materia de mobilidade, xa acometidas polo Goberno local ou en marcha, como a Ronda a 30, a humanización da Avenida Duquesa de Lugo e da Praza Agro do Rolo, ou o novo modelo de acceso ao casco histórico.

O deseño das liñas recolle as propostas da xira de encontros coa veciñanza Móvete por Lugo, durante a que se recompilaron opinións, propostas e suxestións en 12 xuntanzas en barrios e parroquias, a través do correo electrónico, redes sociais e do 010. As súas principais demandas, que foron incorporadas, foron o devandito aumento de frecuencias, a información en tempo real sobre os horarios e frecuencia, a despenalización do transbordo, o aumento de liñas ao HULA e a adecuación de horarios ás entradas e saídas de centros específicos (polígonos e colexios).

Situación de partida

A Alcaldesa expuxo o punto de partida do transporte urbano de viaxeiros, destacando que se producen na cidade máis de 63.000 desprazamentos mecanizados; dos totais, mecanizados e andando, só un 13% se realizan en transporte público; a taxa de vehículos/habitante é das máis alta de España (1,49); a altimetría é pronunciada (dos 338 metros a nivel do río aos 460 do centro de cidade); só o 6% da poboación usa o bus, sobre todo mulleres e maiores de 65 anos; e, dos usuarios de transporte, o 50% úsao só unha vez ao día (ida ou volta). Os motivos das viaxes son por traballo (39%), estudos (25%), asuntos persoais (10%), lecer (10%) e compras (5%). Tamén informou de que a media de duración das viaxes dos usuarios é de 8 minutos.

Documento

Audio

  • Presentación do novo modelo de Bus Urbano (Alcaldesa I ) | Descargar mp3
  • Presentación do novo modelo de Bus Urbano (Alcaldesa II) | Descargar mp3

Noticias relacionadas