O Concello arranca as 8 iniciativas de apoio e dinamización do emprendemento que pediu a cidadanía nos Orzamentos Participativos

Trátase de accións formativas, de capacitación e asesoramento dirixidas á xuventude, mulleres, autónomos e Pemes co fin de implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías e a innovación

Xoves, 24 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello arranca as 8 iniciativas de apoio e dinamización do emprendemento que pediu a cidadanía nos Orzamentos Participativos

As concelleiras de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciaron este xoves o inicio das 8 iniciativas de dinamización e o apoio ao emprendemento que pediu a cidadanía nos Orzamentos Participativos. As propostas relacionadas co empredurismo supuxeron o 30% das totais da campaña de participación cidadá, “o que significa que todas as accións que estamos levando a cabo no CEI Nodus dan os seus froitos e que a Administración local, ademais de máis próxima, é tamén a máis eficaz para xerar emprego, autoemprego e polo tanto riqueza”, subliñou Ana Prieto, quen subliñou neste senso “a boa saúde da que goza oemprendemento en Lugo” e agradeceu “o interese da cidadanía por este ámbito”.

Rosana Rielo incidiu en que moitas das propostas cidadás recibidas no Lugo Opina Orzamentos Participativos que non saíron adiante foi porque “xa se realizaban os proxectos dende distintas áreas do Concello, o que nos anima a seguir nesta mesma dirección”.

Os 8 proxectos de emprendemento que desenvolverá o Concello no marco dos Orzamentos Participativos son fundamentalmente accións formativas, de capacitación e asesoramento a cargo de expertos dirixidas á xuventude, mulleres, autónomos e Pemes co fin de implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade.

As actividades son as seguintes:

  • A primeira delas, Programa 3C: Capital Creativo Competitivo comeza o luns, ofrecerá a 20 empresas e emprendedores capacitación e asesoramento personalizado para definir e reinventar os seus modelos de negocio co obxectivo de descubrir e implementar metodoloxías creativas que melloren a súa capacidade competitiva.
  • Aprende a Medrar: trátase dun programa de consolidación empresarial establecendo estratexias para atraer clientes e fidelizalos. Celebrarase entre os meses de marzo e maio.
  • Píldoras de coñecemento para emprendedores: orientado a empresas xa constituídas, incluirá catro obradoiros sobre técnicas para mellorar o funcionamento e competitividade dos negocios.
  • Estudo dun plan de accións para a transformación do barrio da Tinería, unha iniciativa que complementará a decisión do Concello de crear nesta zona un viveiro de empresas a pé de rúa, e que incluirá medidas en sete eidos: comercial; administrativo; educativo, docente e cultural; asistencial; deportivo; sanitario; e obradoiros de artesanía. O estudo desenvolverase entre febreiro e abril.
  • Future Jobs Tools: unha iniciativa de formación dirixida a estudantes universitarios e de ciclos formativos, mulleres emprendedoras, autónomos e pemes interesados en coñecer as novas tendencias do mercado laboral, marcadas polas novas tecnoloxías. Impartiranse entre febreiro e marzo tres obradoiros baseados na novela empresarial El Desafío de Yago, a secuela de La Aventura de Diana, unha referencia na aprendizaxe da innovación.
  • Chatbot Learning: actividade dirixida a formar na aplicación da intelixencia artificial de forma sinxela e práctica a unha idea de negocio ou a unha empresa en marcha. Terá lugar en marzo.
  • Lucus Raid, Emprende o Camiño: quince xóvenes con inquietudes emprendedoras, ao mesmo tempo que cobre a ruta xacobea, recibirán titorías individualizadas en materia de creación de empresas. A actividade celebrarase entre marzo e maio.
  • Segunda edición da Feira de Nenos e Nenas Emprendedores, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis pequenos. Celebraranse uns obradoiros previos no primeiro semetre do ano.

Noticias relacionadas