O Concello aprobou a licenza para o ascensor da Muralla tan pronto a Xunta adaptou un proxecto que obviara a existencia de instalacións de servizos

Luis Álvarez censura que a Intermodal, o Cuartel de San Fernando e Hemodinámica 24 horas se sumen á longa lista de incumprimentos con Lugo

Mércores, 04 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, deu conta da aprobación hoxe pola Xunta de Goberno Local da licenza para a construción dun ascensor de acceso á Muralla romana.

A construción deste elevador, moi demandado polas persoas con discapacidade e as asociacións que os representan para facer accesible a Muralla de Lugo, será construído no Carril dos Romanos grazas a un convenio asinado en novembro do ano pasado polo Concello e a Xunta de Galicia.

O ascensor será construído, no prazo de 36 meses, pola Administración galega que destinará a este fin un presuposto de 74.313 euros e despois farase cargo del o Concello de Lugo, que se ocupará do seu mantemento.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente explicou que o Concello deulle a máxima celeridade a aprobación desta licenza, ata o punto que foi aprobada hoxe cando hai só uns días que a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria presentou toda a documentación precisa para a execución do proxecto.

A demora na presentación desa documentación debeuse a que a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria tivo que facer algúns cambios no seu proxecto dado que inicialmente non tivo en conta a existencia de instalacións de saneamento e electricidade na zona onde se vai construir o elevador. Por este motivo tivo que realizar modicacións no proxecto para evitar que a obra afecte ás instalacións deses servizos.

Luis Álvarez destacou que, aínda que o novo Conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria deu a entender que o retraso na construción do ascensor foi responsabilidade municipal, queda claro que a Administración local non puxo ningunha traba ó proxecto, senón todo o contrario. Neste sentido, deixou claro que o Concello de Lugo actúa sempre con lealdade institucional e dando absoluta prioridade ós intereses dos cidadáns, algo que están obrigados a atender por encima de calquera outra circunstancia as distintas administracións públicas, polo que o Goberno municipal sempre lle dá as maiores  facilidades e nunca se plantexou torpedear ningunha iniciativa que desenvolva en Lugo outra institución.

Nin Intermodal nin Cuartel de San Fernando nin Hemodinámica 24 horas

O Voceiro do Goberno local respondeu tamén ó novo Conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que onte, nunha visita a Lugo cuestionou a decisión do Pleno da Corporación municipal de reprobar á Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

“Penso que ignora que ese acordo responde a unha demanda cidadá”, explicou Luis Álvarez, que se referiu á “avalancha de persoeiros do PP, esa especie de maná de altos cargos, que se produciu onte en Lugo”.

Para o Voceiro do Goberno local, “hoxe é o día dos ascensores” xa que, ademais da licenza para a construción do elevador da Muralla tamén se soubo que o Adif fai construir dous ascensores na Estación do tren.

“Supoño que algo máis farán, porque van investir máis de 800.000 euros”, razonou o Álvarez e chamou a atención sobre o feito de que “para algunhas cousas sí hai disponibilidade de cartos, tanto para ese proxecto como para o blanqueo exterior da Estación de Autobuses”.

O que sí queda claro, a xuizo do Voceiro do Goberno local, é que con eses investimentos hai que dar “por defenestrado o proxecto da Estación intermodal na cidade de Lugo, igual que o do Cuartel de San Fernando, do que o novo Conselleiro dixo que non é unha obra prioritaria”.

“Hemodinámina non, Cuartel de San Fernando non, Intermodal non”, resumiu Luis Álvarez, e apostillou que “menos mal que queda o Goberno municipal para defender os intereses da cidade, porque os proxectos da Xunta e o Goberno do Estado para Lugo quedan suspendidos sine die ou ata que se coñezan os resultados das eleccións municipais”.

Capela da Soidade

A Xunta de Goberno Local tamén autorizou hoxe outra licenza solicitada pola Xunta, neste caso para a restauración da cuberta da Capela da Soidade, un inmoble do Século XVII que está catalogado, situado na praza da Soidade. O orzamento desta intervención é de 106.438 euros e o prazo de execución, de doce meses.

Na área de Urbanismo, ademais, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude para legalizar unha cubrición e peche de terraza no asilo de San Roque.

Parque empresarial das Gándaras

Por outra parte, o Goberno local deulle hoxe a aprobación inicial de tres estudos de detalle formulados para a ordenación de volumes no parque empresarial das Gándaras. Concretamente, aprobouse inicialmente o estudo de detalle formulado para a ordenación de volumes das parcelas “B6”, “H4” e “K1.1”.

No caso da parcela “B6”, a edificabilidade total do estudo de detalle é de 10.864 m2 distribuída en Bloque 1-  8.197m2 e Bloque 2 - 2.667 m2. A edificabilidade total do estudo de detalle correspondente á parcela “H4” é de 10.645 m2, distribuída en Bloque 1- 4918 m2 e Bloque 2- 5.727 m2. E, no caso da parcela “K1.1” a edificabilidade total deste estudo de detalle é de 10.425 m2 distribuída en Bloque 1- 2.232 m2 , Bloque 2- 3.815 m2 e Bloque 3- 4.378 m2.

Outros acordos

A Xunta de Goberno local decidiu tamén prorrogar polo prazo dun ano os contratos de alugamento de tres vivendas municipais da Casa Domótica, que verán diminuido o importe da súa renda ó actualizala nun -1% correspondente á variación porcentual do IPC, polo que pasan a ter que pagar unha renda mensual de 194,85 euros, 162,38 euros e 194,85 euros.

Tamén se aprobou a incoación dun expedente de imposición de penalidades á empresa adxudicataria das obras de mellora da rede de saneamento nas rúas Monte Adairo e Monte Pía Paxaro. O motivo é o incumprimento do prazo de execución da obra.

O Goberno local acordou incoar a imposición dunha penalidade a razón de 17,71euros diarios, durante 59 días, con aplicación dende o día 28 de febreiro ata a data de recepción das obras e coa previsión de que as obras estean rematadas o 28 de abril, de xeito que o importe total da penalización é de 1.027 euros.

Aprobouse, ademais, a prórroga do contrato administrativo de explotación da cafetería anexa á piscina das Pedreiras, polo período comprendido entre o 21 de marzo de 2015 e o 17 de febreiro de 2016, establecendo un canon para aboar ó Concello de 918,37 euros mensuais.

Noticias relacionadas