O Concello aprobará mañá o prego para ampliar os horarios dos museos e da Oficina de Turismo en 13.650 horas, un 80% máis

Este novo prego distinguirá o servizo de información turística do servizo de atención museística, especializando así os dous servizos. Así mesmo crearase un punto de información de verán

Tanto os museos como a oficina abrirán todos os días da semana en épocas vacacionais, cerrando as salas expositivas os luns nos meses de inverno, excepto festivos

Martes, 18 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes a licitación do novo prego de condicións para ampliar o horario dos 5 museos locais e da Oficina Municipal de Turismo para a promoción da riqueza histórica, patrimonial e cultural de Lugo, que aprobará mañá a Xunta de Goberno. Faise tras desistir do procedemento de contratación aprobada en outubro do 2014, logo da estimación parcial dun recurso presentado contra o prego anterior, e unha vez que se descartou a Domus do Mitreo, pois este centro pasará a ser xestionado pola Universidade de Santiago de Compostela.

A ampliación de horarios materializarase co reforzo de dúas persoas, pasando de 8 a 10, que realizarán 25.900 horas de atención ao público, abrindo os centros expositivos, a oficina de turismo e o punto de información de verán 13.650 horas máis que na actualidade, o que supón un 80% de incremento con respecto ás 3.500 horas que permanecen abertos a día de hoxe.

O anuncio de licitación publicarase no Diario Oficial da Unión Europea, no Boletín Oficial do Estado e no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 40 días naturais contados dende a data de envío de anuncio do contrato á Comisión Europea. O orzamento para o primeiro ano ascende a 565.579 euros e o contrato será por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga por dous anos máis.

Segundo avanzou Basadre, nos primeiros tres meses deste 2017 achegáronse aos museos locais de Lugo e á Oficina Municipal de Turismo 9.630 persoas, e tan só na Semana Santa unhas 4.300, o que pon de manifesto a importancia destes centros e a ampliación da súa apertura.

Este novo prego distinguirá o servizo de información turística, a Oficina de Turismo, do servizo de atención museística, especializando así os dous servizos. Así mesmo crearase un punto de información de verán e abriranse tanto os museos como a oficina todos os días da semana en épocas vacacionais, cerrando as salas expositivas os luns nos meses de inverno.

Horarios de apertura co prego novo

Casa dos Mosaicos, Centro Arqueolóxico San Roque, Sala de Exposicións Porta Miñá e MIHL

Horario de inverno, vixente do 1 de xaneiro ao 31 de maio e do 15 de decembro ao 31 de decembro (excepto Semana Santa e Nadal):

  • De martes a venres de 10:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:30 horas
  • Sábados, domingos e festivos, de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 19:30 horas
  • Pechados os luns, excepto festivos

Horario de verán, vixente do 1 de xuño ao 14 de outubro:

  • Todos os días de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas

Horario de Semana Santa, vixente dende a véspera do Domingo de Ramos:

  • Todos os días de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas

Horario de Nadal, vixente dende o 20 de decembro ao 6 de xaneiro:

  • Todos os días de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas
  • Pechados os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 e o 6 de xaneiro

Horario especial:

  • 18 de maio, Día Internacional dos Museos: horario continuado de 10:00 a 20:00 horas
  • Arde Lucus: xoves e venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas; sábado, de 10:00 a 22:00 horas e domingo, de 10:00 a 20:00 horas

Oficina Municipal de Turismo e Centro de Interpretación da Muralla

Horario de inverno, vixente do 1 de xaneiro ao 31 de maio e do 15 de decembro ao 31 de decembro (excepto Semana Santa e Nadal):

  • Todos os días de 10:00 a 18:00 horas

Horario de verán, vixente do 1 de xuño ao 14 de outubro:

  • Todos os días de 10:00 a a 20:00 horas

Horario de Semana Santa, vixente dende a véspera do Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurreción:

  • Todos os días de 10:00 a 20:00 horas

Horario de Nadal, vixente dende o 20 de decembro ao 6 de xaneiro:

  • Todos os días de 10:00 a 20:00 horas
  • Pecha os días 25 de decembro e o 1 e o 6 de xaneiro
  • Horario reducido de 10:00 a 14:00 horas o 24 e 31 de decembro

Horario especial:

  • Arde Lucus: xoves, venres e sábado, de 10:00 a 22:00 horas, e domingo, de 10:00 a 20:00 horas

Punto de Información Turística de Verán

Horario de verán, vixente do 1 de xuño ao 14 de outubro:

  • Todos os días de 10:00 a a 20:00 horas

Horario especial:

  • Arde Lucus: xoves, venres e sábado, de 10:00 a 22:00 horas, e domingo, de 10:00 a 20:00 horas
  • San Froilán: fin de semana e festivos, de 10:00 a 20:00 horas, e o resto dos días, de 10:00 a 20:00 horas

Noticias relacionadas