O Concello aprobará definitivamente a Axenda 21 este mes

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Salón de Comisións do Concello acolleu hoxe unha reunión cos responsables dos grupos de goberno con representación municipal de Lugo para dar conta da finalización do Plan de Acción da Axenda 21, elaborado coa colaboración de todo tipo de entidades e asociacións do ámbito municipal.

Con esta reunión comezou o último trámite que ten que realizar ese proxecto antes da súa entrada en vigor. Así, segundo informou hoxe o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, a falta dunha próxima reunión o mércores, este podería estar aprobado pola Xunta de Goberno Local do día 16, xa que non é necesaria a súa aprobación en Pleno.

A Axenda 21 contempla no seu proxecto a realización nos próximos dez anos das 269 propostas condensadas dentro do Plan de Acción. Este documento pasará condicionar tras a súa aprobación a actuación municipal dos próximos anos.

A creación dun metro lixeiro na Avenida da Coruña, a peonalización do centro histórico, un tren turístico que una a cidade co Miño, os bancos de tempo ou un plan de aforro municipal son algunhas desa serie de propostas que se cumplirán a curto, medio e longo prazo.

As propostas presentadas polas 98 asociacións colaboradoras, todas elas de ámbito municipal, están divididas en cinco grandes áreas. 65 delas corresponden a desenvolvemento económico, 55 a ordenación do territorio, 92 a medio ambiente, 11 a servizos sociais e 46 a participación cidadá.

Durante este tempo de xestión, no que nun primeiro momento fíxose unha diagnose da situación do municipio, revisáronse, clasificáronse e agrupáronse todas as propostas en 18 liñas de traballo ou programas, para os que se formularon os seus correspondentes obxectivos.

O Concelleiro fixo público o mes pasado o seu compromiso de que unha vez aprobado comezará a súa aplicación. Todas as Concellerías e ámbitos de goberno estarán condicionados e vinculados a este plan, así como o resto da planificación e desenvolvemento urbanístico que se realice denda agora.

De feito, periodicamente unha comisión vixiará o grado de cumprimento deste plan de acción. Para a súa xestión e aplicación o Concello ten prevista a creación dunha oficina que funcionará como a do Plan Estratéxico, de forma independente.

Todos os proxectos do Plan de Acción da Axenda 21, cos seus tempos de aplicación, poden consultarse na web municipal, www.lugo.es, onde tamén se explican as peculiaridades deste proceso, que significa o eixo principal de participación cidadá.

Noticias relacionadas