O Concello aproba a licenza para que a empresa Norvento instale a súa sede no parque das Gándaras

Mércores, 04 de xuño de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo aprobou hoxe a licenza que suporá a instalación dunha nova empresa no parque empresarial das Gándaras segundo informou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez.

A Xunta de Goberno autorizou a licenza de construcción da sede da empresa Norvento Enerxía y Tecnología, formada por un edificio de planta baixa para uso administrativo e estudos de tecnoloxía enerxética, un edificio para instalacións xerais e a instalación dun aeroxenerador.

O Voceiro do Goberno local felicitouse por esta boa nova “porque se vai construir alí un edificio con arquitectura moi singular e novidosa, que vai contribuir a mellorar ese parque empresarial e, ademais, trátase dunha construción importante porque esta empresa non só vai trasladar alí a súa sé senón que tamén disporá doutras instalacións relacionadas co campo da enerxía”.

O presuposto da obra será de 2,3 millóns de euros e o prazo de execución será de dous anos.

Outro acordo destacado da área de Urbanismo que adoptou esta mañá o Goberno local foi a concesión de licenza para a rehabilitación do edificio situado no número 12 da praza de Santo Domingo.

Como explicou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, “este é o edificio que fai bastantes meses houbo que desaloxar polo estado que presentaba e agora se presenta o proxecto de rehabilitación dunha parte deste inmoble, o que permitirá que poida recuperar o seu uso”.

Tamén foi aprobada unha licenza de obras solicitada polo Colexio Marista La Inmaculada para levar a cabo unha reforma no interior do edificio co fin de aumentar o número de aulas e para a instalación dun ascensor.


Axuda no Fogar e educación infantil

En materia de Benestar Social, o Goberno local aprobou unha modificación da Ordenanza fiscal que regula as taxas pola prestación so servizo de Axuda no Fogar.

Esta modificación suporá un encarecemento do servizo para parte dos usuarios e vén obrigada polo decreto ditado pola Xunta de Galicia que establece novas regras de cálculo para o copagamento por parte das persoas usuarias dependentes valoradas que teñan recoñecido un dereito de atención mediante o servizo de axuda no fogar.

O Voceiro do Goberno local manifestou que “lamentamos ter que adecuar esta Ordenanza ó decreto da Xunta de Galicia que suporá que os usuarios teñan que pagar máis por un servizo idéntico, a pesar de que o Concello aplicou a porcentaxe mínima establecida pola normativa do Goberno galego”.

Luis Álvarez tamén deu conta da autorización de servizos extraordinarios da directora da Escola infantil Gregorio Sanz polos traballos relacionados coa baremación de solicitudes presentadas con motivo da convocatoria de prazas de novo ingreso e de reserva para o curso 2014-2015.

En relación con este asunto, o Voceiro do Goberno local lembrou que o Concello de Lugo está a suplir a importante carencia de prazas nun servizo que é competencia da Xunta coas catro Escolas de educación infantil das que é titular a institución municipal.

Álvarez explicou que, para o vindeiro curso, o Concello oferta 142 prazas de novo ingreso e foron presentadas 437 solicitudes, “o que dá unha idea da gran demanda e do déficit de prazas existentes na educación infantil”.

O prazo para formalizar as matrículas estará aberto dende mañá ata o día 16 de xuño.

Por outra parte, a Mesa de Contratación do Concello adxudicou hoxe o servizo de cociña da Escola infantil Serra de Outes á empresa A Billarda cun presuposto de 52.500 euros e un prazo dun ano.

Multimedia

Noticias relacionadas