O Concello aplicará unha reorganización de mínimos e temporal dos efectivos da Policía para optimizar o seu funcionamento

A proposta busca equilibrar o número de policías das quendas ante a merma de axentes producida a raíz do decreto regulador de xubilación anticipada, ao que se acolleron a día de hoxe 26 funcionarios policiais, en tanto non se cobren as 45 prazas previstas nas catro ofertas de emprego público que sacou adiante o Goberno neste mandato

Tras a actitude inaceptable dos oficiais que asistiron esta mañá á reunión de traballo na que a Alcaldesa e o director xeral de Recursos Humanos lles ían expoñer a redistribución, abrirase un expediente disciplinario

“Todas as reclamacións sindicais e laborais son lexítimas, pero o marco de debate é diferente. Nin era o tema nin era o lugar. Esta reorganización non afecta para nada aos seus dereitos laborais, e si afecta ao correcto funcionamento dun servizo tan importante e necesario para os veciños e veciñas. O interese da cidadanía debe ser o prioritario para calquera funcionario público e sobre todo da Policía”, subliñou Lara Méndez

Xoves, 14 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e o director xeral de Recursos Humanos, Emilio Martínez Rivas, informou este xoves de que o Concello aplicará a partir do 1 de abril unha reorganización de mínimos e temporal dos efectivos da Policía Local para optimizar o funcionamento do servizo e que poida ser realmente útil á cidadanía. Trátase de “equilibrar o número de policías das quendas ante a merma de axentes producida a raíz do decreto regulador de xubilación anticipada, ao que se acolleron a día de hoxe 26 funcionarios policiais”, explicou a rexedora.

A forma na que se distribúen os efectivos na actualidade, asegurou Lara Méndez, “non se corresponde coas necesidades reais do traballo, que son similares para cada unha das quendas. Estamos a falar dunha optimización dos recursos dispoñibles, mermados pola xubilacións, e á espera de que se cubran as 45 prazas previstas nas catro ofertas de emprego público que sacamos adiante neste mandato”. A Alcaldesa recordou neste senso que no último Pleno se aprobou un convenio de colaboración para delegar na Administración Autonómica os procesos selectivos co fin de que se axilicen.

Mentres tanto, argumentou Méndez, “por razóns de urxencia e necesidade, poremos en marcha unha redistribución de efectivos, con carácter temporal, a nivel de oficiais e policías, que ademais non suporá unha reorganización completa senón de mínimos para garantir o correcto funcionamento do servizo e que este sexa realmente útil á cidadanía”.

“É a nosa responsabilidade e a nosa obriga reorganizar os servizos municipais do xeito que consideremos máis adecuado, e en función dunha proposta técnica”, indicou a Alcaldesa, unha proposta que, xunto co director Xeral de Recursos Humanos, intentou explicar esta mañá aos oficiais da Policía nunha reunión de traballo. “E fixémolo abertos a escoitar as súas propostas e suxestións”, recalcou a Alcaldesa. Sen embargo, engadiu, “encontrámonos con que foi imposible a exposición aos seis oficiais que asistiron á reunión, que son todos os que hai na plantilla, agás un que estaba nun tribunal dun proceso selectivo. Despois de interromper a miña intervención na que quixen expoñerlles primeiramente a motivación e despois dar paso á proposta de reorganización, se dirixiron a nós con insultos, incluso incorporándose, polo que lles invitei a sentarse e a seguir escoitando a proposta ou se non que abandonaran a reunión. Abandonou un a reunión e detrás foron o resto. E no momento da marcha fixeron alusión á Relación de Postos de Traballo”.

“Todas as reclamacións sindicais e laborais son lexítimas, e nós as defendemos, pero o marco de debate e de diálogo é diferente. Nin era o tema nin era o lugar. Esta reorganización non afecta para nada aos seus dereitos laborais, e si afecta ao correcto funcionamento dun servizo tan importante e necesario para os veciños e veciñas de Lugo. O interese e o benestar da cidadanía debe ser o prioritario para calquera funcionario público e sobre todo, se falamos de seguridade, da Policía Local”, afirmou Lara Méndez.

Ante esta actitude, “que consideramos inaceptable”, o Concello, a través do departamento de Recursos Humanos, “iniciará un expediente disciplinario aos asistentes á reunión e proseguirá por outra banda coa reorganización que estaba prevista, que se lle ía adiantar hoxe aos oficiais para que lla trasladaran ao resto da Policía Local co fin de que cando entrara en vigor xa todos tiveran coñecemento e puideran facer unha planificación mesmo da súa vida persoal”, explicou a Alcaldesa.

A redistribución

Pola súa banda, o director xeral de Recursos Humanos informou de que a xubilación dos 26 policías que se acolleron ao decreto de xubilación anticipada afectou de forma moi distinta ás 6 quendas de traballo nas que se distribúe o corpo de Policía de Barrio, co que na actualidade dáse unha presenza de efectivos moi desequilibrada entre os distintos turnos. “Hai unha quenda con 16 efectivos, dúas con 14, unha con 12, outra con 11 e unha con 10”, apuntou.

Así mesmo, debido á xubilación de inspectores (de 11 pasouse a 2, que ademais están de baixa), as unidades da Patrulla Verde e o Gabinete de Tráfico non teñen un mando. “En distintas ocasións os traballadores nos puxeron en coñecemento das dificultades de funcionamento por este motivo”, explicou Emilio Martínez.

A proposta consiste polo tanto en reorganizar os efectivos entre as distintas quendas para equilibralas, e que tres funcionarios que están nas unidades de Patrulla Verde e o Gabinete de Tráfico se incorporen ás quendas porque “priorizamos que sempre quede cuberto o servizo de Atestados e que exista un número mínimo de patrullas na rúa operativas por razóns de seguridade cidadá e dos propios policías”.

Deste xeito, coa nova distribución garántese que todas as quendas conten cun oficial, que a unidade de Atestados teña dúas persoas sempre ao cargo e que todas as quendas da Policía de Barrio conten con 10 ou 11 axentes. Ademais, reforzarase a Unidade Administrativa, sobre todo para as xestións derivadas dos atestados.

Expediente disciplinario

Con respecto á reunión na que a Alcaldesa e o director xeral de Recursos Humanos lle intentaron explicar esta proposta aos oficiais, Martínez Rivas asegurou que propón a apertura dun expediente disciplinario “para depurar as responsabilidades que poidan existir. Non vou determinar agora cales son, eso correspóndelle a outro estamento, pero hai situacións que hai que cortar de raíz. Non era unha reunión sindical, nas que as formas ó mellor poden ser outras porque teñen outro carácter, senón que era unha reunión de traballo á que estaban convocados pola Alcaldesa coa participación do director xeral de Recursos Humanos, que forma parte dos seus cometidos, e na que hai certas normas que se deben respectar”.

Noticias relacionadas