A concelleira de Cohesión Social, Ana González, explicoulle á veciñanza que de non corrixir a súa actuación aplicaranse á empresa as pertinentes penalizacións
- Tema
O Concello de Lugo apercibiu á empresa que está executando o ascensor do Sagrado Corazón pola ralentización das obras xa que este mes deberían estar en fase de finalización. Os traballos foron adxudicados por importe de 240.000 euros a Construcciones Alea e teñen un prazo de execución de catro meses.
A concelleira da Área de Cohesión Social, Ana González Abelleira, que ten entre as súas competencias a mellora da accesibilidade do municipio, estivo hoxe coa veciñanza do barrio para explicarlles que o Concello advertiu á empresa de que non corrixir a súa actuación e acelerar o ritmo da instalación aplicaranse as pertinentes penalizacións. “Foron moitas as queixas dos veciños advertíndonos do baixo ritmo e incluso da paralización, situación que tamén detectaron os nosos técnicos municipais”, sostivo. “E algo que deben corrixir de inmediato porque a incomodidade da obra para a veciñanza, que xa non pode utilizar as escaleiras para subir á zona alta senón que ten que dar toda a volta, non se pode estender no tempo”, incidiu.
Construcciones Alea solicitou unha prórroga de mes e medio para finalizar a obra xa que xurdiron imprevistos durante a súa execución como foi un cambio de normativa de accesibilidade. A súa solicitude estúdana os servizos municipais aínda que, en principio, non se contempla aprobar una prórroga tan longa.
O ascensor do Sagrado Corazón, como foi de Fontiñas, son apostas da alcaldesa Lara Méndez por mellorar a accesibilidade dos barrios. Neste caso, beneficia ao milleiro habitantes da contorna, pero tamén en comodidade e calidade de vida, sobre todo os maiores. Tamén se beneficiarán outras persoas que acudan ao barrio, que conta con diversos servizos básicos, como o colexio, o centro de saúde ou o centro de convivencia.
Na actualidade, na escalinata do Sagrado Corazón existe un sistema de escaleiras de 3+3 tramos, que salvan un desnivel de 6,75 metros entre a Avenida Adolfo Suárez e a igrexa do barrio. Máis arriba das inmediacións do bloque nº23 do barrio prodúcese o final desta nova intervención, existindo unha diferenza de nivel entre ambos puntos de 11 metros, altura que o Concello salvará coa ascensor.
O ascensor contará con tres paradas para salvar os diferentes niveis: un deles a nivel da praza que dá acceso á igrexa e o outro máis arriba, para enlazar coa cota superior do soportal existente a carón do Salón de Actos do CEIP Sagrado Corazón.
Audio
- Sagrado Corazón | Descargar mp3