O Concello alugará os locais da Tinería ante a falta de vontade política da Xunta de cedelos gratis

O escrito remitido hoxe polo Instituto Galego de Vivenda e Solo deixa en evidencia a desinformación do delegado da Xunta na provincia, pois non argumenta en ningún momento por que a cesión non é legalmente posible

Mércores, 29 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O escrito emitido este mércores polo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao Concello a raíz da solicitude formal rexistrada onte pola Alcaldesa, Lara Méndez, para acadar a xestión municipal dos 9 locais comerciais libres da Tinería deixa en evidencia a total desinformación do delegado da Xunta na provincia, pois no mesmo non se argumenta en ningún momento que a cesión dos locais da Tinería non sexa legalmente posible, cando a entidade local si fundamenta a súa viabilidade nun rigoroso informe xurídico elaborado polo Secretario Xeral do Pleno e a Vicesecretaria.

Como acredita este informe, a Lei 33/2003, de Patrimonio das Administracións Públicas, e a Lei 5/2011, do Patrimonio da  Comunidade Autónoma de Galicia, permiten a cesión con carácter gratuíto, normativa á que o escrito do IGVS non fai nin sequera alusión. É máis, se a versión da Xunta fóra verdade e o decreto ao que alude (253/2003, do Réxime Xurídico do Solo e das Edificacións Promovidas polo IGVS) non permitirá a cesión, habería que derogalo por ser contrario ás leis de superior rango.

Tendo en conta todo isto, queda claro que a alternativa de cesión dos locais é desbotada pola Xunta por pura vontade política, non porque exista unha imposibilidade legal. Deste xeito, a administración autonómica plantexa as opcións da compra ou o aluguer. Antepoñendo coma sempre os intereses de Lugo e co fin de acadar a xestión dos locais para garantir a dinamización social e económica da Tinería, o Goberno local optará polo aluguer dos nove locais, que, segundo os prezos trasladados polo IGVS no escritor remitido hoxe, suporá un importe total de 18.170,34 euros ao ano.

Esta mesma semana, a Alcaldesa reiterará ao IGVS unha solicitude formal optando pola adquisición directa en réxime de aluguer, decisión que xa lles comunicou esta mesma tarde aos membros da mesa de traballo para dinamizar o barrio da Tinería.

Coa xestión municipal dos locais comerciais da Tinería como viveiro de empresas, o Concello consegue que estes bens públicos se manteñan en mans públicas e garante a dinamización social e económica do barrio de maneira eficaz a través dunha economía sostible e de valor engadido, ademais de seguir fomentando a diversificación e innovación do tecido empresarial lucense.

Noticias relacionadas