O Concello agradécelle o seu traballo ó Secretario Xeral, Luis Regal, con motivo da súa próxima xubilación

Luns, 17 de xaneiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Piñeiro lembra que os arqueólogos do Concello foron á zona e parouse a obra antes da orde de Cultura

A Xunta de Goberno Local acordou hoxe agradecerlle o seu traballo ó Secretario Xeral do Pleno, Luis Regal Pavón, co motivo da súa próxima xubilación. O acordo, asinado polo Alcalde, José López Orozco, e do que deu conta o Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, que é secretario da Xunta do Goberno Local é o seguinte:

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo quere agradecerlle expresamente todo o traballo que leva realizado nestes anos de servizo público e dedicación a este Concello.

Somos conscientes da esixencia que supón o desenvolvemento do seu labor nunha administración complexa coma esta, pero tamén recoñecemos que o seu rigor e honorabilidade no desempeño das súas funcións, permitiron que as xestións saíran adiante con toda a seguridade que require un traballo público de xestión do patrimonio da administración e da cidade.

A cidade de Lugo, e esta Xunta de Goberno en particular, quere agradecerlle as súas horas de dedicación exclusiva que en numerosas ocasións comezaron a primeira hora da mañá e non remataron ata a noite.

O seu nome sempre será recordado como o dun servidor público esixente e responsable, como un traballador concienzudo que sempre buscou o mellor para esta Administración que hoxe o despide con afecto.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmou a sentenza do Xulgado contencioso de Lugo sobre o proxecto de urbanización da unidade de actuación CS-5. En cumprimento desta sentenza, tamén se acordou dar traslado do proxecto de urbanización á Xunta para que Cultura emita informe, segundo explicou a Delegada de Urbanismo, María Novo.

Santo Domingo

Na rolda de prensa na que se informou destes acordos, Lino González Dopeso criticou a actuación da Consellería de Cultura ante a posible aparición de restos romanos nunha obra en Santo Domingo.

“A Consellería de Cultura en vez de poñerse en contacto cos técnicos e responsables políticos do Concello o que fai é mandar unha nota de prensa: iso chámase colaboración institucional”, ironizou o Concelleiro de Medio Ambiente.

González Dopeso reclamoulle a Cultura que actúe coa mesma axilidade “na reparación das luminarias e na limpeza da Muralla, na reparación das cárcavas que hai en todo o paseo da muralla, en acabar coa escombreira do solar situado xunto a porta do Carme, en rematar a fonte da Pinguela -que parece a obra do Escorial- e en arranxar o parque que hai ó lado da Tinería que segue estando cheo de cráteres”.

“Pídolle a mesma dilixencia e rapidez de resposta que tiveron con Santo Domingo: celeridade, prontitude, eficacia e sobre todo austeridade pero non tanta como para non facer nada, que é a austeridade absoluta”, ironizou o Concelleiro de Medio Ambiente.

Pola súa parte, o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, clarexou, nunhas declaracións posteriores, que “a paralización dos traballos foi anterior á comunicación da Xunta, fíxose ó aparecer restos que puideran ser romanos”. E sinalou que “cando chegou o escrito de Cultura xa estabamos alí”.

Piñeiro tamén salientou que desde o Concello actuamos “con axilidade” e salientou que en breve a empresa que fai as obras presentará o proxecto de intervención arqueolóxica.

Ademais, o Concelleiro de Infraestruturas lembrou que “parte importante da obra faise en zonas xa excavadas e outra na zona na que está construído o aparcadoiro soterrado” e dixo que “a praza de Santo Domingo xa foi removida noutras ocasións para instalar canalizacións e o novo alumeado vai á mesma profundidade ou inferior que os servizos de gas, auga e saneamento”.

Multimedia

Noticias relacionadas