O Concello agota a lista de espera para centros de día

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Servizos Sociais, Carmen Basadre, anunciou hoxe que non existe lista de espera para os centros de día, xa que coa apertura de novas prazas na residencia Sanyres foron admitidos os que quedaban.

É a primeira vez que se da esta situación nesta lexislatura. Esta situación estivo condicionada polo aumento do orzamento destinado a centros de día. No 2003 había 40 prazas en réxime de horario reducido e no 2007 xa hai 75. En maior proporción aumentou o orzamento destinado ao efecto, pasando de 28.750 euros a 522.787, o que supuxo dobrar 18 veces esa cantidade inicial.

Non só aumentaron as prazas, tamén aumentaron os servizos. Así, a partir de agora os centros de día atenderán os sábados co mesmo horario que durante a semana e dous domingos ao mes, tamén en xornada completa.

Segundo explicou Carmen Basadre, a atención á terceira idade supón o maior investimento do orzamento municipal, cun custe para o Concello de 7.800 euros ao ano por cada usuario.

As axudas procedentes da Xunta de Galicia e do Estado oscilaron entre algo máis de 11.000 euros no 2004 e os 17.000 actuais. A isto hai que engadir os 300.000 euros que se utilizarán para a construcción do centro de día de Entrecarrís e que aporta Vicepresidencia.

Carmen Basadre explicou que no 2006 foi o ano no que menos solicitudes houbo para centros de día, unhas 38, mentres que no resto dos anos estiveron entre as 73 e as 53.

Ademais da atención no centro, estes usuarios reciben tratamento de fisioterapia, psicoloxía e podoloxía dentro do conxunto do servizo.

AXUDA NO FOGAR

A Concelleira fixo tamén un balance da Axuda no Fogar, "que mellorou moito na súa atención", dixo. De feito, multiplicáronse por tres os cartos destiñados a este servizo, pasando de 198.000 no 2003 a 610.000 no 2007. Este servizo foi aumentando en número de horas pasando a ter actualmente un horario de oito a oito. Ten un custe de 11,30 euros para o Concello por cada usuario, alcanzando os 1.150 ao ano. Dependendo da súa situación económica os usuarios deste servizo poden abonar ata 150 euros, aínda que á maioría non lles supón ningún custe.

Carmen Basadre explicou que o número de usuarios é bastante estable. Actualmente hai 359, dos que 251 son mulleres e 108 homes. A maioría, 153, teñen entre 80 e 90 anos. Destaca a curiosidade de que 51 teñen entre 90 e 100 e dúas persoas pasan dos cen.

Por estatística, a maioría, 155, están viúvos e 115 casados. Actualmente 117 persoas teñen mobilidade reducida e 66 son completamente dependentes. Este servizo non só se presta aos maiores, 19 persoas son discapacitadas físicas, 10 psíquicas, 5 son familias completas, 312 son maiores e 13 teñen enfermidades crónicas.

Os servizos prestados foron aumentando non só en tempo senón tamén en tipo de axuda. De feito, pasaron de 36.000 horas de atención no 2004 a 39.754 no 2006. O aseo persoas son os servizos máis demandados, estando situados actualmente nos 31.895. Tamén se realizaron 21.757 de tarefas básicas , 7.908 para a mobilización das persoas e máis de 6.000 para servir comidas.

A Concelleira anunciou que este ano poranse en marcha un servizo de comida a domicilio, con cargo a os novos orzamentos. Os primeiros beneficiados serán os usuarios do programa de Axuda a Domicilio. Barállanse varias opcións, levar a comida envasada ao vacío para toda a semana ou facelo diariamente e entregala quente todos os días. Estanse realizando xa os trámites para poder iniciar este servizo no mes de febreiro.

Nun primeiro momento serán os dependentes e as persoas que viven soas as que reciban a comida en casa e posteriormente irase ampliando en función das necesidades actuais.

Outra das previsións para esta lexislatura é ampliar tamén ás persoas dependentes o servizo de podoloxía.

Carmen Basadre anunciou tamén que para este ano cambiarán o prego de condicións para contratar este servizo que actualmente realiza Cruz Vermella. Indicou que pensan amplialo en servizo nocturno, e tamén cara aos fins de semana. "Unha persoa dependente necesita a mesma axuda un luns e un domingo e esa é a finalidade que perseguiremos este ano", dixo.

Noticias relacionadas