O Concello aforrará ata un 57% ao ano no combustible de Frigsa coa instalación da rede de calor con biomasa

A Alcaldesa supervisou a execución do proxecto para dotar deste subministro a 8 edificios municipais: a Casa das Asociacións, Casa Clara Campoamor, pavillón Luis Gorgoso, Club de Tenis, MIHL, auditorio Gustavo Freire e Biblioteca

O Goberno local “foi capaz de acometer esta importante obra, a pesar dos prazos tan axustados que tiñamos”, do que dá boa conta que, dos 8 concellos aos que o INEGA concedeu axuda, só o de Lugo conseguiu executala e xustificala

Lara Méndez abriu a porta a máis proxectos deste tipo, en tanto que a eficiencia enerxética e a xestión sostible son piar do “noso modelo de cidade”, tal e como demostran programas como o Lugo+Biodinámico, Muramiñae ou Smart City

Martes, 21 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello aforrará ata un 57% ao ano no combustible de Frigsa coa instalación da rede de calor con biomasa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto aos concelleiros de Deportes e Desenvolvemento Sostible, Miguel Fernández e Daniel Piñeiro, o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, e o director de Enerxía do INEGA, Emérito Freire, supervisou este martes as obras de instalación dunha rede de calor con biomasa a 8 edificios municipais do complexo de Frigsa, grazas á que o Concello poderá aforrar ata 83.000 euros ao ano, o que supón o 57% do gasto anual en combustible destas instalacións. Os inmobles aos que se dotou deste subministro son as piscinas, a Casa das Asociacións, Casa Clara Campoamor, pavillón Luis Gorgoso, Club de Tenis, MIHL, auditorio Gustavo Freire e Biblioteca, que ata o de agora se nutrían de gas, gasóleo e electricidade.

A rexedora lembrou que dos 870.000 euros de orzamento cos que contou este proxecto, 700.000 son da axuda que conseguiu o Concello na convocatoria de concorrencia competitiva aberta no 2016 polo Instituto Enerxético de Galicia, e o importe restante de fondos propios municipais. Lara Méndez subliñou que o Goberno local “foi capaz de acometer esta importante obra, a pesar dos prazos tan axustados que tiñamos”, do que dá boa conta que, dos 8 concellos aos que o INEGA concedeu axuda, só o de Lugo conseguiu executala e xustificala, algo polo que a Alcaldesa felicitou ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, aos traballadores municipais e á empresa adxudicataria, dado que realizaron “un esforzo titánico”, tendo en conta que en só 20 días a obra está lista.

Lara Méndez precisou que o aforro económico en combustible dependerá dos prezos de mercado, pero en todo caso oscilará entre os 60.000 e os 83.000 euros ao ano, o que supón entre un 42 e un 57% menos, cantidade económica que se utilizará para outras iniciativas. A isto súmase os beneficios medioambientais da infraestrutura, dado que deixaranse de emitir máis de 600 toneladas de CO2.

Así mesmo, a Alcaldesa abriu a porta a poñer en marcha máis proxectos deste tipo, en tanto que a eficiencia enerxética e a xestión sostible son piar do “noso modelo de cidade”. Deste xeito, destacou iniciativas como a mellora da mobilidade na cidade e os programas europeos Lugo+Biodinámico, Muramiñae, da Muralla ao Miño ou Smart City.

O proxecto

O proxecto consistiu na instalación para a producción centralizada de enerxía térmica con biomasa e distribución mediante unha rede de calor aos edificios municipais de Frigsa para o subministro de calefacción, auga quente sanitaria e climatización. As obras afectaron a nove edificios municipais de uso deportivo e cultural: colocáronse dúas caldeiras e dous depósitos de 10.000 ls. cada nunha nave almacén, que substitúen a 5 caldeiras de gas, dúas de gasóleo, e unha de electricidade e pellets, así como 770 metros de canalización, que abastecen a 8 dependencias.

A rede dispón dun sistema de telexestión que permite ver os principais valores de funcionamento da instalación dende o ordenador, ou mesmo dende o móbil, tales como temperaturas de impulsión e retorno, de combustión, tanto por cento de osíxeno ou temperaturas nos depósitos de inercia.

Unha vez finalizada a instalación da rede de calor con biomasa, o Concello sacará a concurso o subministro do combustible, polo que estima que poderá estar en marcha a principios de ano.

Audios

Noticias relacionadas