O Concello adxudica as obras de renovación da rede de abastecemento na Ronda das Fontiñas por 233.500 euros

A Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio de colaboración coa Consellería de Cultura paradar seguridade e garantir a conservación do Cuartel de San Fernando, unha obra que conta cun orzamento de 180.000 euros

Na sesión tamén se acordou licitar as obras de acondicionamento do paseo interior da Muralla, no tramo traseira rúa Clérigos, cun orzamento de 135.700 euros. O anuncio publicarase no BOP e no perfil do contratante do Concello 

Mércores, 16 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello adxudica as obras de renovación da rede de abastecemento na Ronda das Fontiñas por 233.500 euros

A Xunta de Goberno aprobou este mércores adxudicar as obras de renovación da rede de abastecemento na Ronda das Fontiñas por un importe de 233.500 euros á empresa Sergonsa Servizos. Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen deu a coñecer que as obras comezarán a primeiros de ano e contan cun prazo de execución de catro meses, dende a firma da acta de replanteo.

O proxecto consiste na substitución das tubaxes de fibrocemento nos treitos da Ronda das Fontiñas comprendidos entre as rúas Sanxillao e Montirón, de San Eufrasio ata o comezo do Parque dos Paxariños, e entre a rúa Montero Ríos e o Carril das Frores.

Tal e como explicou o voceiro, esta actuación completa a intervención que xa se levara a cabo no proxecto denominado rexeneración de pavimento e renovación de servizos en Ronda das Fontiñas, treito Carril dos Caiñós-rúa San Xillao.

Obra Cuartel de San Fernando

A Xunta de Goberno deu luz verde tamén ao convenio de colaboración coa Consellería de Cultura para dar seguridade e garantir a conservación do Cuartel de San Fernando, unha obra que conta cun orzamento de 180.000 euros, achegados ao 50% por Concello e Xunta de Galicia.

“Unha vez aprobado na Xunta de Goberno, o convenio será remitido á Consellería de Cultura para que seguidamente sexa firmado por ambas as dúas administracións antes de que finalice o ano”, subliñou Fernández.

A principio de 2016, o Concello licitará o proxecto de rehabilitación e, segundo as previsións do Goberno, adxudicarase no mes de marzo para comezar as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, polo que estarán rematadas entre agosto e setembro. O 30 de novembro acabará o prazo para presentar a documentación xustificativa.

As actuacións fundamentais consisten en asegurar a estrutura do edificio, arranxar a cuberta eliminando as filtracións de auga tanto nesta estrutura como no propio edificio, dotación de canales baixantes e conexión á rede de saneamento, e derribo e acondicionamento dos anexos traseiros non catalogados -caballerizas traseiras-.

Obras no paseo interior da Muralla Romana

O voceiro informou de que na Xunta de Goberno desta mañá acordouse aprobar a licitación das obras de acondicionamento do paseo interior da Muralla Romana, no tramo traseira rúa Clérigos, unha actuación incluída no Plan Urban, que conta cun orzamento de 135.700 euros. O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no BOP e o prazo de execución será de 2 meses.

“Coa apertura deste novo treito do paseo interior da Muralla avánzase na liberación dos espazos para habilitar todos os treitos posibles do paseo interior da Muralla para que poidan gozar deles todos os lucenses e os nosos visitantes”, subliñou Fernández.

Con esta actuación na zona Clérigos, e xunto á da zona de Vía Romana, son 7 as intervencións feitas no paseo interior con cargo ao Plan Urban cun investimento total de preto de 880.000 euros; como por exemplo as realizadas nos xardíns da Deputación ou a praza do Cantiño. “Co acondicionamento deste treitos facemos de Lugo unha cidade máis humanizada”, asegurou o voceiro.

Centro de día Antonio Gandoy

A Xunta de Goberno deste mércores tamén acordou prorrogar o contrato administrativo subscrito entre o Concello e a mercantil Serunión S.A., adxudicataria do Servizo de Comida aos usuarios do centro de día Novo Antonio Gandoy, dende o 13 de decembro de 2015 ata o 12 de decembro de 2016. Aprobouse tamén o gasto de 58.900 euros.

“O servizo de comida aos usuarios deste centro reparte de media unha trintena de almorzos, outra de comidas e outra de merendas, rexistrando no pasado mes de outubro máis de 2.900 menús”, avanzou Miguel Fernández.

Audios

  • Miguel Fernández, sobre a renovación da rede de abastecemento na Ronda das Fontiñas |Descargar mp3
  • Miguel Fernández, sobre a Obra Cuartel de San Fernando |Descargar mp3

Noticias relacionadas