O Concello adxudica mañá a rexeneración de 4 viais de Calde, Esperante e Santalla de Bóveda por 182.500 euros

“As tarefas forman parte dun plan cun orzamento de 1,5 millóns de euros financiado cos remanentes que logrou o Concello grazas á boa xestión económica que levou a cabo o Goberno local”, adiantou Miguel Fernández

Actualmente, a entidade local está acondicionamento os firmes na estrada de Ceza a Portanova (Coeses) e na que discorre entre a N-546 a Santa Engracia (Santa Comba)

Martes, 01 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández, voceiro municipal, xunto con un traballador e unha veciña do rural de Lugo

O Concello de Lugo aprobará na Xunta de Goberno deste mércores a adxudicación de obras de mellora en 4 viais de Calde, Esperante e Santalla de Bóveda. Trátase de traballos de rexeneración do firme nas pistas dende a estrada da antiga N-540 ao núcleo de A Pena –na parroquia de Calde-, na estrada LU-232 ao Tanatorio, e da do hospital de Calde a Carballido Sur e A Tavesa –ambas na parroquia de Esperante- e na estrada de Vilanova a Cabanas, na parroquia de Santalla de Bóveda. “Estas tarefas forman parte dun plan cun orzamento de 1,5 millóns de euros financiado cos remanentes que logrou o Concello grazas á boa xestión económica que levou a cabo o Goberno local, que acometerá melloras en 21 viais da zona rural”, adiantou Fernández. O prazo de execución destas actuacións, que contan cun orzamento de preto de 182.500 euros, será de un mes.

O edil deu conta desta inicitativa na parroquia de Coeses, onde o Concello está a acometer tamén tarefas de rexeneración de firmes na estrada de Ceza a Portanova, tras rematar estas actuacións na pista de Vilalvite a Ventosinos de Arriba (Coeses). Paralelamente, a entidade local tamén está a realizar estes traballos na estrada que discorre entre a N-546 a Santa Engracia, pertencente a Santa Comba. Destas tarefas, que contan cun orzamento de 161.997 euros que comezaron a pasada semana e que se desenvolverán ata os vindeiros días, encárganse unha vintena de operarios e unha quincena de máquinas. Estas obras de mellora súmanse ás acometidas na estrada de Argonde a Vilachá, en Ribas de Miño, contempladas tamén no plan de remanentes.

Estas actuacións responden ás peticións veciñais e enmárcanse na “decidida aposta do Concello polo rural, para mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños”, destacou o edil, quen lembrou que o rural supón o 80% do territorio do municipio e o 10% da poboación.

Audio

Noticias relacionadas